Continúa o "colapso" en Urxencias de Montecelo, con dous pacientes esperando ingreso de venres a luns

Pontevedra
18 de xullo 2022

SATSE en Pontevedra advirte que a cadea atención primaria - atención especializada "rompeu", tal e como viñan advertindo desde hai tempo, e a falta de profesionais en atención primaria provocou que as urxencias do hospital "colapsen" ante a falta de enfermeiras e enfermeiros para coidar de todos os pacientes pendentes de cama

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

A situación de "colapso" que os distintos sindicatos sanitarios levan denunciando varias semanas continúa este luns, un día no que desde a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) asegura que se viviron situacións alarmantes como a de dous pacientes que á primeira hora da mañá estaban pendentes de cama e levaban esperando desde o venres 15 de xullo. 

Segundo os datos facilitados por CESM, ás nove da mañá deste luns había 38 pacientes pendentes de ingresar, non só eses dous, aínda que os seus casos son os máis rechamantes. Sete deles deron positivo en covid-19.

En opinión deste sindicato médico, o xerente da área sanitaria, José Ramón González, falou esta fin de semana nos medios de comunicación para "negar a realidade". 

Este sindicato cifra en 111 os pacientes con covid-19 ingresados este luns no Hospital Montecelo e en Medicina Interna non houbo ningún alta hospitalaria. No Hospital do Salnés hai 56 pacientes ingresados en Medicina Interna, un servizo atendido por un só médico que tamén se ve obrigado a atender ingresos e urxencias.

O sindicato de enfermería SATSE en Pontevedra advirte que a cadea atención primaria - atención especializada "rompeu", tal e como viñan advertindo desde hai tempo e a falta de profesionais en atención primaria provocou que as urxencias do hospital "colapsen" ante a falta de enfermeiras e enfermeiros para coidar de todos os pacientes pendentes de cama.  

Este colectivo mostra a súa preocupación porque é "un problema que se arrastra desde hai tempo e que podería haberse, polo menos, minorizado" se se tomaron certas medidas como mellorar o reforzo de enfermeiras tanto en atención primaria como en especializada.

En primaria non están a cubrir nin o 50% das ausencias e iso acaba repercutindo en urxencias, onde non hai enfermeiras suficientes para atender a todos os pacientes sen cama, segundo os datos que manexa SATSE.

A situación é, para SATSE, "tan precaria na área sanitaria" que as supervisoras lanzaron un SOS ás enfermeiras para que regresen antes das súas vacacións e dobren quenda pola falta de profesionais. 

O BNG VE "DESFEITA SANITARIA"

Tamén o BNG se fixo eco este luns da situación, denunciando que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés converteuse no "quilómetro cero da desfeita sanitaria do PP".

Os deputados Luís Bará, Paulo Ríos e Manu Lourenzo compareceron este luns, xunto coa portavoz parlamentaria do BNG, Montse Prado, para pedir aos responsables da Xunta que "deixen de botar balóns fose e tomen medidas que garantan a atención sanitaria", que coiden ao persoal sanitario e que aumenten o orzamento destinado a atención primaria.

Bará denunciou que o vivido nos PACs a pasada fin de semana foi algo "nunca visto", pola falta de persoal sanitario, con centros ao 20-30% e outros sen ningún persoal médico. Ademais, censurou as declaracións do xerente e do conselleiro, Julio García Comesaña, por "tentar ocultar a realidade" e por unha "acusación velada ás e aos profesionais por acollerse ao seu dereito a baixas e vacacións".

Montse Prado cualificou a situación de “emerxencia sanitaria” e denunciou que e a pasada fin de semana as máis 300.000 persoas da área sanitaria quedaron practicamente sen ningún médico nos PACs. Así, asegura que o venres pola noite non houbo ningún persoal médico nos PACs de Cambados, Vilagarcía, O Grove, Bueu e Marín, mentres que no da Parda había un no canto de tres, ou no de Baltar uno só pola tarde e ningún pola noite.