Continúa en pé a folga de Ambulancias Civera: pararán o mércores se non teñen "garantía por escrito" de solución

Pontevedra
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Nova protesta dos traballadores da concesionaria do servizo de traslados non urxente de ambulancias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contra a "nefasta" xestión da compañía. Esa garantía ten que supoñer que o día 1 de maio se aplique a subida salarial recollida no convenio. "Iso ten que quedar clariño"

Protesta de traballadores de Ambulancias Civera Mónica Patxot

Nova protesta dos traballadores de Ambulancias Civera, empresa concesionaria do servizo de traslados non urxente de ambulancias na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, contra a "nefasta" xestión da compañía.

Este xoves concentráronse diante das consultas do Hospital Provincial para denunciar a súa situación laboral e anunciaron que, a non ser que antes do vindeiro mércores 17 teñan un compromiso formal coas solucións que demandan, seguen adiante os paros de 24 horas convocados para esa xornada e tamén os días 24, 26 e 30 de abril e 2 de maio.

"Ten que haber unha garantía por escrito", aclarou Xabier Aboi, representante da CIG. Se non chega ese acordo, o día 17 terán a primeira xornada de paro.

Para desconvocala, antes do mércores teñen que pagarlles o débeda salarial de 2024 e "o luns, como máximo" terán que empezar a discutir a débeda de 2023

Esa garantía ten que supoñer que o día 1 de maio se aplique a subida salarial recollida no convenio. "Iso te que quedar clariño".

Ademais, será necesario que quede por escrito que se cumprirán os acordos firmados relativos a descansos, vacacións e o calendario laboral, pois "están poñendo problemas cada día".

Se a empresa cumpre estas condicións, ese mesmo día quedaría desconvocanda a folga, pero non se fían, pois consideran que "perdeuse unha semana" porque a empresa está "escondida"

Así, critican que hai unha nova reunión e a empresa acude de xeito telemático. "Como alguén pode solucionar este conflito telematicamente? Hai cousas que hai que solucionalas en persoa", cuestiona Aboi.

A actualización salarial do convenio suporía unha media de 150 euros por cada unha das 90 persoas contratadas, toda a empresa entre as sedes de Pontevedra e Vilagarcía. 

Ademais de denunciar os constantes incumprimentos da empresa no que ten que ver co abono de salarios conforme ao convenio e aos acordos pactados, a concentración tamén serviu para criticar a falta de mantemento dos vehículos, os incumprimentos do concurso, a falta de roupa de traballo e de EPI ou a ausencia de recoñecementos médicos obrigatorios dende o comezo da concesión. 

Xabier Aboi insiste en que a situación desta empresa "só a soluciona o novo concurso que hai meses que ten que saír, pero están atrasando". Nestes momentos "xa non é posible rescindir o contrato, desgraciadamente", por cuestións burocráticas, sinala o representante da CIG, así que piden que se axilice ese concurso.

"Non pode seguir esta empresa un minuto máis despois do próximo concurso", insisten. A solución é que se adxudique a outra empresa porque, segundo sostén o representante da CIG, tamén afectan á cidadanía.

"A atención cada vez é peor", sostén Aboi. Por exemplo, indican que hai "moitos días" que teñen que facer un traslado dun paciente da UCI a outro centro hospitalario e "non hai balas de osíxeno" e teñen que ir recollelo aos hospitais Montecelo ou Provincial.