O mercado laboral en Galicia segue respondendo positivamente á reforma laboral establecida no marco estatal e continúa baixando o paro na comunidade, na provincia e tamén na capital pontevedresa.
O municipio de Pontevedra rexistraba en maio 4.944 persoas desempregadas e neste mes de xuño ofrece o dato de 4.759, cifra que mostra que 185 persoas atoparon emprego ao longo deste mes. Unha situación similar rexístrase no municipio turístico de Sanxenxo, que rebaixou en 150 persoas a lista do paro situándose en 659. En Vilagarcía de Arousa descende en 60 mantendo 2.779 parados. En Marín o descenso do paro é menor. Actualmente este municipio presenta 1.290 desempregados, 44 menos que o mes anterior. En Poio rexístrase 892 parados, 63 menos que en maio.
Na provincia, a cifra de desemprego descendeu en 2.575 (-4,48%), segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia, rexistrándose 54.920 persoas sen emprego. A provincia pontevedresa foi a que liderou o descenso de parados dentro dos datos rexistrados nas catro provincias da comunidade, seguida pola Coruña.
En Galicia hai 140.932 persoas desempregadas ao finalizar o mes de xuño, un 10,64% menos que no mesmo mes do 2021. Esta porcentaxe é menor ao rexistrado no conxunto do Estado (-20,30%), onde descende o paro en 42.409 persoas. No último mes 5.188 persoas atoparon traballo na comunidade autónoma. O paro rexistrado en Galicia supón un descendo do 3,55% mentres que no Estado esa baixada é de 1,45%.
A afiliación á Seguridade Social en Galicia rexistra un aumento de 1.559 afiliacións, cun incremento de 7.775 persoas respecto ao mes de maio, considerando os datos da afiliación media mensual. En Galicia, o desemprego redúcese tanto en mulleres (-2.763) como entre homes (-2.425). En todo caso, desde o sindicato Comisións Obreiras, a través de Maica Bouza, secretaria de Emprego, alertan de que seis de cada dez persoas paradas son mulleres, polo que se mantén a "fenda de xénero no emprego".
Desde a CIG, o secretario comarcal Marcos Conde, mostra a súa alegría polo descenso de parados pero alerta de que o 70% dos contratos son a tempo parcial ou fixos descontinuos. Lamenta a falta de política industrial porque o 70% do incremento de emprego corresponde ao sector servizos ligado á hostalería. Sinala que isto supón precarización con contratos parciais que esconde que "gran parte dous traballadores son pobres". Indica que, sobre todo, esta situación afecta as mulleres ao atoparse máis penalizadas neste tipo de contratacións parciais.
Pola súa banda, a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, destacou este luns que só houbo menos paro en Galicia en xullo e agosto de 2007; e puxo en valor que o dato é o menor nun mes de xuño, tamén desde o ano 1996, amosando a súa satisfacción.