A un mes do segundo aniversario do brutal crime que o 31 de xullo de 2015 conmocionou pola súa crueldade a toda España desde Moraña, chegou o momento de que se imparta xustiza. David Oubel Renedo sentará a partir deste martes 4 de xullo no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra como único procesado polo dobre parricidio das súas fillas Amaia (4 anos) e Candela (9) e un tribunal popular decidirá se é culpable dos seus asasinatos ou non.
Será o xuízo de ano na Audiencia pontevedresa, tanto pola gravidade e crueldade dos feitos que se xulgan como polo interese social e mediático que espertou. Ata 25 medios de comunicación diferentes están acreditados para cubrir o xuízo, que se celebrará na habitual sala de vistas dos xurados no edificio xudicial da rúa Rosalía de Castro entre fortes medidas de seguridade.
Será o xuízo de ano na Audiencia, pola gravidade e crueldade dos feitos e o interese social e mediático que espertou
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estableceu unhas estritas normas de cobertura para garantir que o xuízo se desenvolva con normalidade e a cantidade de medios acreditados e profesionais que sigan a vista oral non afecten en absoluto ao correcto discorrer das sesións. Ademais, déronse ordes específicas de que se respecte a intimidade dos medios do xurado que xulgará a Oubel e que as súas imaxes non se difundan a través de ningún medio.
A selección dos nove membros do tribunal -e dos dous suplentes- comezará este martes 4 de xullo ás 10.00 horas. Tras esa elección, que se prevé complicada dada a complexidade e gravidade do crime para xulgar, comezará a vista oral.
O xuízo en si arrancará coa declarción do acusado, aínda que unha das grandes incógnitas coas que comeza este xuízo é a de saber se Oubel falará ou non ante o tribunal. Desde a súa detención o propio día do crime e durante toda a instrución xudicial desta causa optou por gardar silencio e ata agora nunca deu a súa versión do ocorrido. Este martes podería adoptar a mesma estratexia xudicial ou responder unicamente ao seu avogado defensor, un letrado da quenda de oficio ao que lle asignaron o caso.
Unha das grandes incógnitas coas que comeza o xuízo é a de saber se Oubel falará ou gardará silencio como ata agora
Para este martes tamén están citados as 13 testemuñas citados para o xuízo, dos que seis son axentes da Garda Civil que investigaron o dobre crime. E para o mércores 5 están previstas as probas periciais, co paso pola sala de vistas de 15 especialistas, e as partes presentes na causa poderán emitir os seus informes. O xoves 6, segundo as previsións, o xurado empezaría a deliberar.
David Oubel, en prisión provisional desde o 1 de agosto de 2015, está acusado de dous delitos de asasinato con aleivosía agravados polo feito de que as vítimas son menores, tal e como sosteñen a Fiscalía e a acusación particular. As acusacións consideran que no seu caso concorre a circunstancia agravante de parentesco e piden que sexa condenado á pena de prisión permanente revisable, converténdoo no primeiro caso en España o que se aplicaría esta condena recollida na última reforma do Código Penal. Non transcendeu a petición que fai a súa defensa, pero si que alegará trastorno mental transitorio.
Piden que sexa o primeiro español condenado á pena de prisión permanente revisable
O escrito de acusación do fiscal sostén que matou a Amaia e Candela con crueldade utilizando unha radial e antes de facelo drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores". En concreto, fíxolles inxerir un cóctel de medicamentos a base de benzodiazepinas e relaxantes musculares "nordiazepam, oxazepam e tizanidina" para "adormentalas ou polo menos lograr que estivesen cun nivel baixo de conciencia". Actuou, segundo o fiscal, "con evidente ánimo de acabar coa súa vida" e cando ambas estaban nas súas respectivas habitacións.
O fiscal pide que se lle aplique a prisión permanente revisable e tamén que se lle impoñan a prohibición de aproximarse á súa ex muller e nai das falecidas ou comunicarse con ela por calquera medio -verbal, escrito, postal, telefónico, telegráfico, telemático ou informático- durante 30 anos. Tamén pide que sexa condenado a indemnizala con 245.000 euros.