Os administradores concursais de Alfageme xa non poden agardar máis e decidiron activar o proceso de liquidación. Así llo transmitiron nunha reunión a sindicatos e traballadoras.
Coma nun thriller de suspense aquí tamén hai un prazo: Si hoxe venres, á unha da tarde, non se produciu a adxudicación das fábricas de Ribadumia e Vilaxoán por parte do Igape, os administradores entregarán no xulgado Mercantil 3 en Vigo a documentación necesaria para a poxa.
Os administradores levan ano e medio esperando polas negociacións da Xunta para facilitar a reactivación industrial. E xa hai varias ofertas para facerse coa marca Miau, a maquinaria e as plantas de Ribadumia e Vilaxoán.
Mentres se esgota esta conta atrás as traballadoras concentraranse esta mañá, xunto cos sindicatos CIG e CGT, diante do Igape.
A portavoz de CIG, Rosa Abuín, anunciou que a central nacionalista presentará unha querella por prevaricación contra a consellería de Economía e Industria e contra o seu titular, Javier Guerra, a quen acusa de deixar que se perdan dous centenares de empregos.