Conservera Gallega instalarase no polígono de Baión

O Salnés
21 de decembro 2021

A xerente de Suelo Empresarial del Atlático, Beatriz Sestayo, asinou a adxudicación e venda efectiva das tres parcelas que reservara a empresa conserveira, que ten sede na localidade de Vilanova de Arousa

Polígono industrial de Baión, en Vilanova SEA

A xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, confirmou este martes que a empresa Conservera Gallega S.A. sumarase tamén ao polígono industrial e empresarial que SEA xestiona en Vilanova de Arousa. Beatriz Sestayo asinou ante notario a adxudicación e venda efectiva a Conservera Gallega S.A. de tres parcelas, dúas delas en Dereito de Superficie, que suman en total 8.562’92 metros cadrados.

Desta forma, a histórica empresa conserveira situada en Vilanova de Arousa dispoñerá dun amplo espazo no polígono industrial de Baión para as súas instalacións. Unha importante noticia que confirma o futuro a curto e medio prazo do polígono industrial e o seu potencial para atraer novas empresas, xeradoras de emprego.

En paralelo, Beatriz Sestayo puxo en valor o feito de que dúas das parcelas das que dispoñerá Conservera Gallega adxudicáronse en Dereito de Superficie, unha das fórmulas desenvolvidas nestes dous últimos anos por SEA para favorecer a implantación empresarial nos seus polígonos, ao permitir usar o solo sen que sexa preciso acometer a compra de forma inmediata.

Precisamente, este sistema, similar a un alugueiro con opción a compra, foi o elixido polas outras dúas empresas que hoxe asinaron con SEA a súa instalación en Vilanova de Arousa e ás que se lles adxudicaron as parcelas no Consello de Administración que se celebrou a semana pasada.

Unha delas, Tex Xestión Enerxética, foi adxudicataria dunha parcela de 2.991’51 metros cadrados, mentres que a outra compañía, dedicada á carpintería metálica, optou por outra cunha superficie de 2.196 metros cadrados.

No que vai de ano son xa 7 as empresas que elixiron o polígono de Vilanova de Arousa, ante as facilidades de xestión e as súas calidades óptimas en canto a servizos e localización.

En total, en 2021 foron adxudicados ata 29.708 metros cadrados de solo no parque empresarial de Vilanova de Arousa, co que máis da metade do polígono xa está ocupado, despois de triplicar a instalación de empresas en só dous anos. Entre as empresas que se fixeron con solo nesta 2021 figura a compañía Sogama.

A área empresarial de Baión conta cunha superficie bruta de 315.672 metros cadrados e neta de 142.723.