A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este sábado Moraña para anunciar unha ampliación de máis de 760.000 euros nas axudas destinadas á compra de vivenda para menores de 36 anos.
A elección do Concello de Moraña non foi casual, xa que é un dos municipios onde máis éxito está a ter este programa, con sete mozos e mozas beneficiados ata o momento.
Durante a súa visita, Allegue avanzou que o vindeiro luns publicarase no Diario Oficial de Galicia esta ampliación de fondos, dos que 670.740 euros irán destinados á compra de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes.
Outros 90.000 euros irán destinados á adquisicións en centros históricos.
A conselleira puxo a Moraña como exemplo do bo funcionamento desta iniciativa, que busca un dobre obxectivo: facilitar o acceso á vivenda da mocidade e fixar poboación nos concellos pequenos.
"Estas axudas están a permitir que mozos e mozas poidan quedar a vivir no seu municipio", destacou a conselleira durante a súa visita ao concello pontevedrés.
A ampliación orzamentaria anunciada en Moraña permitirá atender as solicitudes que quedaron sen cubrir por esgotamento do crédito inicial, tras concederse xa 250 axudas para vivenda en concellos pequenos e outras 50 en centros históricos en toda Galicia.
A titular de Vivenda indica que con estas medidas a Xunta busca estabilizar poboación nos concellos máis pequenos, que representan o 90% dos municipios de Galicia.