Conmoción en Valga por un triplo crime machista que tinxe Galicia de loito

Pontevedra
16 de setembro 2019
Actualizado: 20:39

A localidade pontevedresa de Valga volveuse a ver sacudida por un novo crime machista. Un home de 45 anos, José Luis Abet Lafuente, foi detido pola Garda Civil tras confesar ser o autor do asasinato de tres mulleres, a súa ex parella, a súa ex cuñada e a súa ex sogra

Lugar no que se produciu o triplo crime machista de Valga PontevedraViva

A localidade pontevedresa de Valga volveuse a ver sacudida por un novo crime machista. Un home de 45 anos, José Luis Abet Lafuente, foi detido pola Garda Civil tras confesar ser o autor do asasinato de tres mulleres, a súa ex parella, a súa ex cuñada e a súa ex sogra.

"Este es un momento terrible. Es uno de esos crímenes que te rompe por dentro", relatou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que confirmou que o crime se produciu ás oito da mañá no lugar de Carracido, na parroquia de Cordeiro.

O asasino empregou unha arma curta para acabar coa vida das tres mulleres, todas elas naturais de Campaña. Primeiro disparou contra a súa ex muller, Sandra B.J., de 39 anos, que estaba dentro do seu vehículo para levar ao colexio aos dous fillos que a parella tiña en común, de 7 e 4 anos de idade.

Os dous nenos, segundo confirmou Larriba, estaban xa dentro do coche cando o seu pai disparou contra a súa nai. Ambos os dous menores foron temporalmente en casa duns veciños que teñen nenos pequeños e logo quedaron baixo a custodia dun familiar.

Tras acabar coa vida da súa ex parella, José Luis Abet Lafuente disparou mortalmente primeiro contra a súa ex cuñada e logo contra a súa ex sogra, María Elena J.F. e Alba B.J., de 58 e 27 anos de idade respectivamente. As dúas estaban dentro da finca da vivenda familiar, a ex cuñada ao carón do vehículo da súa irmá e a ex sogra un pouco máis afastada.

Ningunha delas residía neste domicilio pero era habitual que ambas de desprazasen alí para axudar a Sandra cos nenos.

Tras cometer o crime, o home deuse á fuga e foi detido pouco despois a uns trinta quilómetros. Atopábase nas inmediacións da casa da súa nai, no municipio coruñés de Ames, onde residía desde a separación da parella, que se produciu hai case dous anos.

Foi el mesmo o que chamou á Garda Civil e axentes do cuartel de Miladoiro trasladáronse á vivenda e detivérono. Primeiro foi trasladado ao cuartel da localidade e logo á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

O home carecía de licenza de armas e descoñécese a orixe da pistola utilizada para perpetrar o crime. O propio autor confeso indicou á Garda Civil como localizala, pois, de camiño entre o lugar dos feitos e a casa da súa nai na que foi detido, arroxouna ao río Tambre. Os mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS) mergulláronse no río e localizárona na aldea de Ponte Nova, no municipio de Ames.

Maica Larriba explicou que as autoridades tiñan rexistrados dous casos de violencia de xénero no municipio, un de risco medio e outro de risco non apreciable, pero ningún deles era o de Sandra B.J., xa que non constaban denuncias previas.

Tampouco había constancia de antecedentes nin denuncias previas por violencia de xénero nin nos servizos sociais nin no Centro de Información á Muller da localidade.

Ao lugar dos feitos, ademais de Maica Larriba, trasladáronse entre outros o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, así como o coronel da Garda Civil, Simón Venzal.

A comitiva xudicial autorizou o levantamento do cadáver sobre as 13.00 horas, cinco horas despois do crime. Tras iso, foron trasladados para que se lle realice a autopsia. Mentres, o asasino permanece na Comandancia de Pontevedra, á espera de que este martes pase ao dispor do xulgado de instrución número 2 de Caldas de Reis, que se encarga do tema.

Desde 2003, segundo lembrou a subdelegada do Goberno, 60 mulleres foron asasinadas en Galicia vítimas da violencia machista, 25 delas na provincia de Pontevedra.

Este é o segundo crime machista que se rexistra en Valga, un municipio de apenas seis mil habitantes, no que vai de ano.

O pasado mes de marzo un home matou á súa muller dun tiro cunha escopeta de caza e despois suicidouse. 

REPULSA MUNICIPAL

Tras coñecerse este novo crime machista, a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, trasladou a "repulsa" do Concello de Pontevedra por un episodio que demostra que para combater esta secuela " non bastan as boas intencións".

Gulías fixo un chamamento a "mobilizarse na rúa" para condenar a estes asasinos e esixir das autoridades "que se tomen medidas" tanto desde o punto de vista político como orzamentario para que as mulleres conten con ferramentas que as protexan.

Pola súa banda, a edil de Igualdade, Paloma Castro, asegurou estar "farta" deste "goteo incesante" de vítimas que deixa a violencia machista e instou a loitar contra a violencia de xénero desde a educación "porque algo está a fallar".

As bandeiras do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra ondean xa a medio mastro como símbolo de repulsa ante este triplo asasinato que, segundo Carmela Silva, "conmocionounos e indignounos".

"Non hai dereito. É unha inxustiza, é insoportable e non hai palabras para definir toda esta dor que sentimos", sinalou Silva, que instou aos dirixentes políticos a manter un compromiso "firme" coa igualdade.

A dirixente socialista reclamou que se recoñeza "alto e claro" que existen as violencias machistas e pediu un compromiso "contundente" de que ninguén pactará con quen as nega. "Estamos fartas de hipocrisía", explicou Silva, que lamenta que vaian ir a Valga "os mesmos que pactan con Vox, cos que negan a violencia machista".