Confirman a Pontevedra como sede en 2022 da Placemaking Week Europe

Pontevedra
26 de outubro 2021

O evento, que reunirá 400 expertos en urbanismo sostible "de todo o mundo", celebrarase en setembro de 2022. A Boa Vila sucede a cidades como Ámsterdam, Estocolmo, Valencia e Barcelona. "Supón avanzar un chanzo máis na referencialidade internacional de Pontevedra", defende Anabel Gulías

Anabel Gulías e Ramón Marrades PontevedraViva

Pontevedra será sede en setembro de 2022 da Placemaking Week Europe, segundo confirmou este martes a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, acompañada do director de Placemaking Europe, Ramón Marrades.

Trátase dun evento que reunirá na cidade a 400 expertos en urbanismo sostible "de todo el Mundo, especialmente Europa pero también de Estados Unidos o Asia", sinalou Marrades.

A organización, cuxo congreso anual celebrouse previamente en Ámsterdam, Estocolmo e Valencia ademais dunha edición reducida en Barcelona, elixiu á Boa Vila por ser "un referente en el urbanismo a  escala humana en Europa" pero mantendo "ganas de dar un paso máis".

A concesión do congreso supón, para Anabel Gulías, "avanzar un chanzo máis na referencialidade internacional de Pontevedra".

Tal é a importancia desta semana europea que "estamos falando de destinar a parte máis ampla do orzamento de promoción da cidade do próximo ano", confirmou a edil entendendo que se trata de "un dos eventos máis importantes aos que se enfronta Pontevedra nos últimos anos".

No mesmo, ademais de temas internacionais e pautas xerais haberá espazo para discutir tamén proxectos locais que se poidan acometer na cidade "como pode ser o caso de Monte Porreiro que precisa unha ollada nova", sinalou Gulías.

Máis aló da chegada durante a semana europea de expertos e profesionais en deseño urbano, mobilidade, educación ou saúde pública, a fundación Placemaking Europe traballará a partir de agora estreitamente e durante todo o ano coa cidade para preparar a cita.