Confirman a pena de 17 anos de cárcere para o autor do crime da rozadoira

Pontevedra
25 de setembro 2019

O tribunal ratifica por tanto a sentenza ditada pola Audiencia de Pontevedra que, tras o veredicto de culpabilidade por parte dun xurado popular, condenou ao acusado como autor dun delito de asasinato e doutro de intento de homicidio

José Luis Viéitez Alonso, acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 17 anos de cárcere para José Luis Viéitez, o home que matou o seu veciño cunha rozadora en xuño de 2017 na Cañiza e que, posteriormente, tratou de acabar coa vida da filla da vítima.

A sala do civil e penal do TSXG desestimou os recursos presentados polo acusado e pola acusación particular, en representación da muller e dos dous fillos do falecido.

O tribunal ratifica por tanto a sentenza ditada pola Audiencia de Pontevedra que, tras o veredicto de culpabilidade por parte dun xurado popular, condenou ao acusado como autor dun delito de asasinato e doutro de intento de homicidio.

Os maxistrados mostráronse conformes co fallo inicial, na que a Audiencia aplicou unha eximente incompleta por considerar acreditado que o sospeitoso sufría unha "limitación parcial" das capacidades psíquicas cando cometeu os feitos.

Este feito, segundo a sentenza do TSXG, non sería suficiente para, tal e como reclamaba o avogado do acusado, para unha maior redución da pena de cárcere e tampouco se acepta a petición da acusación particular, que alegaba que esas eximentes non deberían terse en conta.

José Luis Viéitez, ademais da pena de cárcere, foi sentenciado a indemnizar á filla do falecido con 300.000 euros, e á súa esposa e fillo con 150.000 euros cada un.

O crime produciuse na localidade pontevedresa da Cañiza en xuño de 2017 e foi consecuencia das malas relacións entre acusado e o seu veciño por conflitos de lindes e o uso dun camiño, que derivaran mesmo en denuncias mutuas por agresión.

Cando os seus dous veciños, pai e filla, saíron da súa casa e dirixíronse cara o lugar no que José Luis Viéitez estaba a traballar, este atacou ao seu veciño coa rozadora e, despois, á moza.

O falecido non tivo capacidade de defensa, pero si a súa filla, quen sofre graves secuelas.