Confirman a condena por agresión sexual a un profesor de academia e engádenlle unha indemnización

Pontevedra
21 de xuño 2024

O TSXG confirma dous anos de prisión, dous anos de inhabilitación para ser profesor e sete anos de inhabilitación para calquera profesión, oficio ou actividades que conleve contacto regular e directo con menores. Fixa unha indemnización de 15.000 euros por "a repulsa social do delito castigado e a transcendencia do ilícito na vida da prexudicada"

Sede da Audiencia de Pontevedra Mónica Patxot

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma a condena imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un profesor de matemáticas dunha academia da cidade por bicar varias veces na boca a unha alumna de 15 anos sen o seu consentimento. Tras revisar o caso, non só mantén que cumpra dous anos de prisión, senón que engade unha indemnización de 15.000 euros á vítima.

O proceso xudicial deu moitos pasos desde que se xulgou en 2023. Este profesor foi condenado pola Audiencia, daquela o TSXG ordenou revisar o caso para ver se tamén tivera unha segunda vítima e a sentenza inicial confirmouse. Agora, de novo no alto Tribunal galego, reafírmase en que é autor dun delito continuado de agresión sexual.

A condena implica dous anos de prisión, un ano máis de liberdade vixiada e prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da moza e comunicarse con ela durante tres anos.

O fallo tamén implica dúas inhabilitacións especiais. Así, impóñenlle dous anos de inhabilitación especial para o exercicio da profesión de profesor e sete anos de inhabilitación especial para calquera profesión, oficio ou actividades, sexan ou non retribuídos, que conleve contacto regular e directo con menores de idade.

A Sala do Civil e Penal do TSXG engade á pena inicial a obrigación de indemnizar á súa vítima con 15.000 euros por "a repulsa social do delito castigado e a transcendencia do ilícito na vida da prexudicada".

Segundo a sentenza, este profesor enviaba mensaxes de WhatsApp de contido sexual á vítima, facíalle agasallos e convidábaa a cear.

O acusado recorreu a sentenza alegando que a condena imposta carece de toda base razoable, que hai arbitrariedade na función interpretativa da proba e que está afectada a presunción de inocencia. Con todo, o Alto Tribunal galego desestima este recurso ao entender que o testemuño da vítima é compatible co conxunto das probas e que a súa conduta "non encaixa na relación profesor-alumna".

Ademais, o TSXG apoia como probas as declaracións da contorna máis próxima á vítima e os informes periciais, que "remarcan a pegada psíquica, as secuelas de estrés postraumático e a impresión de alta credibilidade" do testemuño da menor.