Confirmados 11 anos de prisión para o home que tentou asasinar a súa exparella en Monte Porreiro

Pontevedra
17 de marzo 2025

O TSXG ratifica a sentenza polo ataque con coitelo ocorrido en abril de 2023, destacando a "intención de matar" e o "traizoeiro ataque ao pescozo da vítima"

O acusado de acoitelar dúas veces a súa ex parella en Monte Porreiro durante a vista oral
O acusado de acoitelar dúas veces a súa ex parella en Monte Porreiro durante a vista oral PontevedraViva

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de once anos e tres meses de prisión imposta pola sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra ao home que tentou asasinar a súa exparella acoitelándoa en abril de 2023 no seu domicilio do barrio de Monte Porreiro.

O alto tribunal galego desestimou o recurso de apelación presentado polo condenado, Hugo F., quen ademais deberá cumprir 20 anos de afastamento da vítima, realizar 90 días de traballos en beneficio da comunidade por un delito de acoso, e abonar unha multa de 1.350 euros por furto, tras apoderarse de 350 euros da muller.

Na súa resolución, o TSXG subliña que o acusado "recoñeceu de maneira palmaria os feitos e a intención de matar" durante o xuízo celebrado o pasado 5 de setembro na Audiencia Provincial de Pontevedra.

Os maxistrados cualifican de "comportamento errático, pouco acorde coa boa fe procesual" o feito de que agora impugne a cualificación dos feitos "negando a intención de matar" cando fora admitida previamente.

A sentenza destaca a aleivosía do ataque, que foi "inopinado, sorpresivo e, polo tanto, traizoeiro ataque ao pescozo da vítima", sinalando que o acusado atrancou con ferrollo a porta da vivenda para evitar a fuxida da muller. Así mesmo, lembra que o recoñecemento dos feitos "viñera precedido dun escrito de arrepentimento xa en fase de instrución".

Os feitos remóntanse ao 29 de abril de 2023, cando Hugo F. agrediu a súa exparella cun coitelo de cociña no domicilio que ambos compartían en Monte Porreiro, a pesar de finalizar a súa relación tres meses antes. Segundo o testemuño da vítima durante o xuízo, o agresor seguiuna pola vivenda cun coitelo oculto tras pedirlle "un último abrazo" ao que ela se negou.

"Díxenlle que parecía que me estaba matando e el contestou que iso era o que quería", declarou a muller, quen logrou fuxir grazas á intervención de varios veciños alertados polos seus berros. Como consecuencia do ataque, a vítima sofre secuelas psicolóxicas, recibe tratamento como vítima de violencia de xénero e padece ataques de ansiedade e pesadelos recorrentes, segundo quedou constatado na vista oral.

Durante o xuízo, tanto a vítima como a súa irmá describiron o acusado como un home "moi celoso" que exercía unha vixilancia e control "permanente" sobre ela