Confirmación oficial da venda da sede da Cámara de Comercio a unha empresa pontevedresa

Pontevedra
02 de maio 2024

Eduardo Barros confirmou este xoves, por primeira vez de forma oficial, a venda. A comproó a empresa Wedom, que xa ten o seu nome na zona de acceso ao local no Paseo de Cervantes. Está "a crecer moito" e "moi rápido" e en plena expansión internacional

Cámara de Comercio Mónica Patxot

O vicepresidente terceiro da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Eduardo Barros, confirmou este xoves a venda da antiga sede da entidade nas Palmeiras a un empresario pontevedrés dedicado ao sector téxtil e aos produtos do fogar e o xardín

A información, adiantada hai dez meses por Diario de Pontevedra, ten agora, por primeira vez, confirmación oficial. Vendeuse xa en xuño de 2023.

Barros, ex responsable da entidade en Pontevedra antes da fusión das tres cámaras da provincia, confirmouno durante o acto de inauguración dunha nova sede en Rosalía de Castro, un centro conectado dixital Hubnet. "A outra oficina xa a vendemos". 

En declaracións aos medios de comunicación, confirmou que a comprou unha empresa pontevedresa que "está a funcionar moi ben" a nivel internacional. Este xornal puido confirmar que se trata de Wedom, unha firma que xa ten o seu nome na zona de acceso ao local nas Palmeiras, no Paseo de Cervantes de Pontevedra. 

A antiga sede cameral e nova sede de Wedom está no segundo piso deste edificio e a empresa así o recolle tamén na súa páxina web. Na fachada principal do edificio, con todo, continúa o logo da Cámara de Comercio. 

Eduardo Barros non confirmou o importe da operación, pero esta sede estaba á venda en portais inmobiliarios por 590.000 euros.

Da empresa dixo Barros que "está a crecer moito" e "moi rápido". De feito, disparou o negocio en tan só trinta anos. As súas orixes están en 1994, cando Alberto Domínguez Santiago fundou a empresa Textiles Dosan en Pontevedra. Desde entón, non parou de expandirse. 

Cinco anos despois, en 1999, fundou Dosantex, unha compañía téxtil de fabricación e distribución de produtos para o fogar, e catro anos máis tarde, en 2003, ampliou categorías de produto. En 2009 inauguraron o seu centro loxístico en Monçao, Portugal, e en 2016 comezaron a súa expansión internacional. 

Na actualidade, ten dúas marcas, a citada Dosantex e Kiandu, de decoración téxtil