Confían en repetir o record histórico de pernoctacións coas etapas de La Vuelta

Pontevedra
08 de xaneiro 2014

Louzán e Nava Castro fixeron este comentario tras anunciar que o Castelo de Salvaterra de Miño será o punto de partida da segunda das etapas de La Vuelta que se disputará na provincia de Pontevedra, cun final inédito na península do Morrazo e, concretamente, no concello de Cangas

Chegada da contrarreloxo individual a Pontevedra na Vuelta 2012 PontevedraViva

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a secretaria xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, trasladaron este mércores a súa confianza en que Galicia poida repetir durante o mes de agosto o récord de pernoctacións grazas ao paso de La Vuelta Ciclista a España.

Louzán e Nava Castro fixeron este comentario tras anunciar que o Castelo de Salvaterra de Miño será o punto de partida da segunda das etapas de La Vuelta que se disputará na provincia de Pontevedra, cun final inédito na península do Morrazo e, concretamente, no concello de Cangas.

Estes responsables políticos subliñaron o "efecto promocional e de revulsivo económico" que esta proba ciclista suporá para a provincia e para o sector hostaleiro e de restauración.

Nesta liña, Nava Castro incidiu en que os datos de ocupación de agosto de 2013 demostran este efecto, dado que se acadaron cifras récord de ocupación hoteleira, lográndose en Sanxenxo un "máximo histórico" durante o mes de agosto, coincidindo co paso da competición deportiva pola provincia.

MÁS DE 33 CONCELLOS

O obxectivo da Deputación e da secretaría xeral para o Turismo é que este efecto se volva repetir este ano, axudando, ademais, a prolongar a tempada alta, dado que La Vuelta estará na provincia os días 11 e 12 de setembro.

Neste sentido, o presidente da Deputación incidiu en que serán entre 33 e 35 os concellos que acollerán o paso de La Vuelta a España, como un "magnífico escaparate" para mostrar ao mundo os atractivos turísticos.

A penúltima etapa partirá do Castelo de Salvaterra, percorrendo Ponteareas e boa parte dos concellos do Condado, así como Baiona, Nigrán e Gondomar, para adentrarse posteriormente na península do Morrazo, onde probablemente faga un dobre pase polo concello de Moaña, antes de rematar en Cangas.

Previamente, o día 11 de setembro, serán as comarcas de Tabeirós-Terra de Montes, Caldas e Arousa as que reciban ao pelotón nunha etapa que se iniciará en A Estrada e que culminará no campo de golf de Meis, "a cabalo entre dúas rías, a de Arousa e a de Pontevedra". Un remate en subida que, segundo subliñou o presidente da Deputación, a propia organización considerou "especialmente atractivo".

Neste caso e a falta de pechar algúns detalles, a etapa pasará por Cuntis, Caldas, Moraña, Valga, Pontecesures, Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo e outros concellos de Arousa e Pontevedra, "proxectando a máis de 190 países do mundo a imaxe dunha provincia e dunha comunidade que quere apostar forte polo turismo como sector estratéxico".