Cunha pasarela metálica duns vinte metros, o Concello de Pontevedra vén de conectar as sendas fluviais dos ríos Lérez e Almofrei. A nova estrutura de comunicación está situada baixo a ponte da estrada N-541, na parroquia de Bora.
A pasarela, que comeza na marxe dereita da base da ponte, na súa cara norte, transcorre por debaixo da mesma ata alcanzar a súa cara sur, conectando así as sendas de pescadores do Lérez coa do río Almofrei en dirección a O Salgueiral.
Nesta actuación, o goberno municipal investiu máis de 20.000 euros.
O edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, destaca que esta pasarela permite continuar o paso pola marxe dereita do Almofrei cara a O Salgueiral sen necesidade de ter que cruzar a N-541, "eliminando totalmente" a inseguridade viaria dos peóns nese punto.
Para instalar a pasarela foi preciso fixar mecanicamente a estrutura sobre o leito, na base da ponte. O proxecto respectou na medida do posible a contorna natural existente, executándose coas mínimas alteracións do medio, explica o concelleiro socialista.
A pasarela consta dunha estrutura metálica ancorada á base da ponte, que discorre ao longo da mesma e que se fixo totalmente voada coa finalidade de non facer apoios sobre o leito do río, evitando así o risco de arrastres no caso de enchentes.
Sobre ela construíuse a base da pasarela, executada en emparrillado metálico galvanizado.