Conduce ilegalmente polo Gorgullón drogado, sen seguro e sen ITV e remata detido por tráfico de drogas

Pontevedra
21 de xaneiro 2023

O condutor, un mozo de 22 anos de idade, portaba unha báscula de precisión e unha porción de drogas. A Policía Local de Pontevedra, noutro operativo, tamén identificou un home de 29 anos que presuntamente traficaba con haxís na rúa Virxinia Pereira

Punto de corte cun pivote na metade da rúa Gorgullón

A Policía Local de Pontevedra detiña a un home na rúa Gorgullón como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. 

Os feitos remóntanse ao 29 de decembro, cando un axente da Policía Local observaba a presenza dun vehículo que circulaba por esta vía, infrinxindo o sinal vertical que prohibe a circulación por esa zona. 

No momento de darlle o alto, os axentes observaron como o condutor facía movementos estraños coas mans, nervioso, tentando agochar algo dentro do vehículo. Unha vez que a patrulla identifica o vehículo comproba que carece de seguro e a ITV atópase caducada. 

O condutor, un mozo de 22 anos de idade, é sometido á proba de consumo de drogas e ofrece resultado positivo.

#Ante a sospeita de que o condutor escondera algo no interior do vehículo, un dos axentes localiza unha báscula de precisión con, supostamente, restos de haxix e de marihuana, xunto a unha porción de droga (0,86 gramos) e dúas "planchas" de 99,83 gramos e outra de 99,86 gramos.

Ante a presenza desta cantidade, os axentes proceden á detención do home como presunto autor dun delito contra a saúde pública. Ao mesmo tempo, a patrulla tramitou contra o mozo catro denuncias administrativas por infraccións de tráfico: circulación por unha rúa con restrición de tráfico; circulación cun vehículo sen o seguro obrigatorio; coa ITV caducada e baixo os efectos do consumo de drogas.

INVESTIGACIÓN NA RÚA VIRXINIA PEREIRA

Por outra banda, axentes da Policía Local de Pontevedra tamén realizaban outra intervención o 3 de xaneiro de vixilancia de espazos para controlar tráfico de drogas a pequena escala

Durante varias xornadas, residentes e comerciantes da rúa Virxinia Pereira alertaba do frecuente movemento de xente nova nun portal desa vía pontevedresa. Estas persoas accedían ao portal e saían nun breve prazo de tempo. Segundo os denunciantes a situación correspondíase cun "trapicheo" de drogas que desenvolvía un mozo residente no edificio.

A partir dese momento, os axentes estableceron o dispositivo de vixilancia, activo durante varios días, constatando o movemento desa poboación xuvenil e o modus operandi denunciado pola veciñanza e comerciantes.

Unha vez identificados varios presuntos compradores aos que se lles incautaron pequenas cantidades de haxix, os axentes identificaron o autor, un home de 29 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a saúde público por tráfico de drogas.