Condenan á Xunta a compensar con case 45.000 euros a un interino que non estabilizou a súa praza

Pontevedra
08 de novembro 2024

Aínda que o seu cesamento "se produciu en formal legal", sostén o xuíz, a lei para a redución da temporalidade no emprego público recoñécelle ese dereito económico "de maneira clara e indubitada"

Aula baleira Mónica Patxot

O xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra condenou á Xunta de Galicia a pagar unha compensación económica de 44.713 euros a un docente interino que non superou o proceso de estabilización da praza que ocupaba.

O fallo do xulgado pontevedrés, segundo destaca o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, é "pioneiro" na comunidade galega.

A sentenza considera probado que o docente traballou para a Consellería de Educación durante trinta anos, de maneira ininterrompida e mediante nomeamentos concatenados de persoal funcionario temporal, ata que foi cesado o 31 de agosto de 2023, por non conseguir a praza.

Transcorrido un ano, o mestre volveu ser nomeado interinamente pola Xunta de Galicia para un curso completo, neste caso o correspondente á tempada 2024-2025.

O maxistrado sostén que o artigo 2.6 da Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, recoñécelle o dereito a percibir a compensación que reclama polo seu cesamento.

Esta compensación é equivalente ás retribucións fixas de vinte días por ano de servizo, até un máximo de doce mensualidades.

Aínda que o seu cesamento "se produciu en formal legal", sostén o titular do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra, esta normativa recoñécelle ese dereito económico "de maneira clara e indubitada".

O xuíz engade que esta lei "é de obrigada aplicación", tanto polas administracións públicas como polos órganos xurisdiccionais que supervisan a súa actuación.

Esta sentenza non é firme e contra ela cabe presentar un recurso de apelación.