Condenados a penas de prisión os catro acusados de transportar máis de dous quilos de cocaína desde Vilagarcía a Avilés

Pontevedra
18 de novembro 2022

A sección cuarta da Audiencia impúxolle a un deles oito anos e medio de cárcere e ao pagamento dunha multa de 700.000 euros; e, aos outros dous, seis anos e nove meses de prisión e ao pagamento de 600.000 euros. Tamén condenou unha muller de Marín, polo mesmo delito, a catro anos de prisión e a 200.000 euros

Xuízo contra os catro acusados de trasladar dous quilos de cocaína desde Arousa ata Avilés PontevedraViva

A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou as catro persoas, dúas de Vilagarcía e outras dúas de Marín, acusadas de trasladar droga desde Arousa ata Avilés. 

Un dos imputados, residente en Vilagarcía, foi condenado a oito anos e medio de prisión e ao pagamento dunha multa de 700.000 euros. Outros dous responden a unha pena de seis anos e nove meses de cárcere e á entrega de 600.000 euros. Por último, unha muller, polo mesmo delito contra a saúde pública en cantidade de notoria importancia, a catro anos de cárcere e a unha multa de 200.000 euros.

A sentenza recolle que os catro imputados, polo menos entre marzo e xullo de 2021, realizaron actividades tendentes á "provisión e comercialización de substancias estupefacientes, concretamente cocaína, para a súa posterior distribución entre os consumidores finais ou distribuidores secundarios no mercado ilícito, conscientes do dano que para a saúde pública implicaba".

Segundo o escrito, dous dispositivos de vixilancia e seguimento establecidos sobre os catro investigados demostraron que mantiveron encontros para organizar o traslado da droga a Avilés. Un dos condenados dispoñía dun vehículo "adaptado especificamente para o transporte de estupefacientes, con dous compartimentos situados tras os altofalantes traseiros e provistos dun dispositivo de apertura eléctrica".

No operativo policial, tal e como relataron os axentes policiais na vista oral, foron detidos tres dos sospeitosos nunha cafetería de Avilés cando portaban 2.030 gramos de cocaína, cunha pureza do 81,9% e un valor no mercado ilícito de 222.784 euros.

Durante o rexistro que se realizou na vivenda dun dos condenados, situada en Ravella en Vilagarcía de Arousa, a policía localizou billetes por importe de 1.366.065 euros. O acusado declarou na vista oral que ese diñeiro procedía dunha herdanza e dun posterior investimento en criptomoedas. Segundo o tribunal, en sala quedou demostrado que procedían da súa dedicación ao tráfico de estupefacientes.

A sentenza tamén recolle que "non consta que os acusados actuasen motivados pola dependencia de substancias estupefacientes nin que esta afectase á súa conduta en relación cos feitos axuizados". Os acusados pode presentar recurso ante esta resolución da Audiencia Provincial.