A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a un ano e catro meses de cárcere un home como autor dun delito de agresión sexual e de quebrantamento de medida cautelar.
A sentenza considera que en ambos os dous casos concorre a eximente incompleta de embriaguez.
Ademais, o tribunal impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima, así como de comunicarse con ela, durante dous anos.
No momento da comisión dos feitos este mozo era coñecedor da existencia e vixencia da orde de afastamento da súa excompañeira sentimental coa cal ten dous fillos menores en común. Aínda así acudiu ao seu domicilio e, unha vez no interior, realizoulle tocamentos á vítima por riba da roupa, en distintas partes do corpo, a pesar da falta de consentimento da muller.
Os maxistrados consideran probado que cando cometeu os feitos o acusado atopábase baixo os efectos de bebidas alcohólicas, polo que afirman que tiña gravemente afectadas as súas capacidades intelectivas e volitivas, aínda que non anuladas.
A Sala estima suficiente o testemuño da vítima, "ao reunir os presupostos de ausencia de incredibilidade subxectiva, corroboración periférica e persistencia na incriminación".
Na sentenza indica que no relato da denunciante puideron apreciar a súa "espontaneidade, estructuración e desenvolvemento natural".