A Audiencia de Pontevedra condenou a dezaseis anos e dez meses de prisión a un home que agrediu sexualmente e maltratou de forma habitual á súa parella en Pontevedra durante toda a súa relación sentimental, que durou un ano.
O tribunal considéralle autor dun delito continuado de agresión sexual, un delito de malos tratos habituais e seis delitos de lesións leves no ámbito da violencia sobre a muller.
As maxistradas da sección cuarta da Audiencia consideran probado que o acusado, durante a súa relación coa vítima, especialmente desde que aos catro meses comezou a convivencia, "adoptou unha actitude sumamente celosa e agresiva cara a ela".
Sosteñen que controlaba e restrinxía todas as súas relacións de amizade e familiares, a súa actividade laboral, as súas saídas, as súas redes sociais e os demais aspectos da súa vida.
Para conseguilo, destaca o tribunal recorría á violencia física "para impoñerlle a súa vontade", o que xerou na vítima un "ambiente constante de opresión e medo" no que ela "acataba todo o que este dicía", ao ter anulada a súa propia vontade e personalidade.
Entre os episodios relatados na sentenza, figura unha agresión cun coitelo de cociña nunha perna, botarlle insecticida no ollo cun espray cando se estaba a maquillar, puñadas e patadas nas costelas ou golpes na cabeza.
Dentro dos feitos probados, as xuízas subliñan que "en múltiples ocasións" o home obrigou á que entón era a súa parella para manter relacións sexuais en contra da súa vontade, chegando mesmo a introducirlle unha botella de cervexa.
Chegou un momento, segundo recolle a resolución do tribunal, que para evitar as agresións físicas, a vítima sometíase aos desexos sexuais da súa parella "limitándose a quedar inmóbil, coma se estivese morta".
Coa relación xa finalizada, as agresións continuaron, polo menos en dúas ocasións, unha no interior do domicilio da muller e outra nunha estación de autobuses.
Este comportamento agresivo e violento provocou na vítima un "medo intenso" que derivou en síntomas ansiosos-depresivos e malestar emocional e psicolóxico que a levaron a cambiar o seu lugar de residencia para afastarse da súa exparella.
Ademais da pena de cárcere, a Audiencia impuxo ao condenado a prohibición de aproximarse a menos de cincocentos metros do domicilio, centro de traballo ou lugares que frecuente a vítima durante 24 anos e terá que indemnizala con 5.500 euros.