O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou este martes a Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra para coñecer o "importante traballo" que realiza este centro universitario e trasladarlles o apoio da Axencia Galega da Industria Forestal.
O conselleiro puido comprobar como esta escola pontevedresa conta con laboratorios onde se desenvolven proxectos vinculados coa transformación mecánica da madeira, a celulosa e o papel, e tamén coas novas tecnoloxías como a impresión 3D ou co emprego de drons para tarefas cartográficas.
Francisco Conde transmitiu aos alumnos que nestes momentos "a industria cada vez demanda máis tecnoloxía, máis formación e máis deseño" e neste sentido "a universidade é o centro fundamental onde se están desenvolvendo as solucións, os novos procesos e sobre todo os novo materiais" que están a permitir "que a nosa industria forestal cada vez sexa máis competitiva".
O conselleiro explicou que o forestal é un "sector estratéxico" que engloba a 3.000 empresas en Galicia, que en 2017 facturou 2.200 millóns de euros e que "segue batendo récords en exportacións", con 800 millóns de euros en 2017 e un 12% máis ata novembro de 2018. A cadea de valor deste produto representa polo menos o 12 % do emprego industrial de Galicia e o 1,8% do produto interior bruto (PIB) da comunidade, segundo os datos do Clúster da Madeira.
Francisco Conde tamén sinalou que as locomotoras do sector son as empresas Ence e Finsa e que en Galicia teñen lugar o 50% das curtas de toda España.
O conselleiro de Industria remarcou que, desde a axencia autonómica Xera, "imos traballar durante este ano 2019 para formar a 1.700 traballadores", en toda Galicia a través de 160 cursos de "formación ocupacional" que permitirán "unha maior capacidade competitiva do sector forestal".
Ademais indicou que se convocaron axudas para modernización de empresas transformadoras de produtos forestais. "En total este ano van ser 90 pequenas e medianas empresas" que se van a beneficiar desta liña de axudas "que vai mobilizar máis de 26 millóns de euros".
Esta "aposta clara" vén acompañada, segundo dixo Conde, por outros procesos "en materia de innovación" vinculados ás universidades de Vigo e Santiago, como son no desenvolvemento de novos proxectos enerxéticos e de transformación química ou mecánica, e tamén pola colaboración do polo aeroespacial de Rozas, en Lugo.