Concurso en Tik Tok para loitar contra a violencia de xénero

Sanxenxo
27 de outubro 2021

O Concello de Sanxenxo, a través do CIM, promove este certame aberto á cidadanía ao que se poden presentar vídeos de menos dun minuto. O prazo de presentación de propostas finaliza o 15 de novembro

Rede Tik Tok Tik Tok

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres do próximo 25 de novembro, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Sanxenxo puxo en marcha unha iniciativa para involucrar á mocidade na loita contra este problema grave da violencia machista que afecta a todos os sectores sociais e a todas as idades.

Esta iniciativa céntrase nun concurso onde aquelas persoas que queiran participar, de forma individual ou colectiva, deberán presentar un vídeo inédito que dure menos dun minuto e máis de 20 segundos sobre algunha temática relacionada coa prevención da violencia de xénero e as violencias machistas.

Será necesario que sigan o perfil @tiktoksenviolencias.sxo e aceptar o perfil como seguidor. Cada participante deberá publicar un vídeo na súa conta persoal co título elixido e o cancelo #tiktoksenviolencias, ademais deberán mencionar o perfil municipal. Tamén será necesario que envíen o vídeo cos datos persoais ao correo tiktoksenviolencias@gmail.com, incluíndo como asunto  Tiktoksenviolencias.

O prazo de presentación finaliza o 15 de novembro. Concederanse tres premios: un Aple Airpods, para o vídeo gañador; unha impresora fotográfica portátil para móbil; e o terceiro será un altofalante wifi intelixente.

O xurado terá en conta a adecuación do traballo á temática; a orixinalidade; o potencial  sensibilizador e a capacidade para convidar á reflexión contra as violencias machistas, ademais da capacidade para sintetizar e comunicar os contidos.