Un concorrido desfile pon o broche final ao Entroido de Sanxenxo

Sanxenxo
17 de marzo 2025

O Concello repartiu case 11.000 euros en premios nas oito categorías a concurso, que se repartiron entre os máis de 1.300 participantes que se anotaron este ano

Desfile do Entroido 2025 en Sanxenxo
Desfile do Entroido 2025 en Sanxenxo Cristina Saiz

Sanxenxo puxo o broche final ao Entroido cun desfile adulto e infantil que bateu unha nova marca de inscrición, ao rexistrar máis de 1.300 participantes.

A comitiva, que encheu de color e bo ambiente as rúas da vila, saíu ás catro da tarde do Paseo de Silgar para continuar pola estrada xeral, a Rúa Rafael Picó e a lonxa de Portonovo.

O desfile obrigou a realizar restricións de tráfico.

A entrega de premios realizouse unha vez concluído todo o desfile nun escenario que se instalou no exterior da lonxa.

O desfile entregou até 18 premios, cunha contía global de máis de 10.000 euros e repartidos en tres categorías participantes.

No desfile infantil os premiados foron 'A volta ao mundo', 'A fantasía das fadas' e 'Dulce fantasía', na categoría individual ou parella; e 'Trazos festival', 'A maxia dos dragóns' e 'Grovassic', entre os grupos.

Pola súa banda, os premiados entre os adultos foron 'Recicleitor', 'Eduardo Manostijeras' e 'As Nécoras', nos disfraces individuais ou en parella; e 'Cine Avenida', 'Coches eléctricos' e 'Galácticos na rúa', entre os grupos de ata vinte compoñentes.

'Aromas do Entroido', 'Bridgerton' e 'Reinado' levaron o premio nos grupos de máis de vinte membros e 'Marina', 'Corsario' e 'Retrincos' foron os máis valorados na modalidade de fantasía.