Conclúe a obra de acceso ao núcleo de Limeres duplicando a súa anchura

Cerdedo-Cotobade
15 de novembro 2019

A obra contaba cun orzamento de 63.000 euros e se completou con grandes muros de contención para garantir a seguridade. Ademais canalizáronse as augas e retranqueáronse os peches nun tramo de 210 metros de lonxitude

Ancheamento de accesos interiores en Limeres Concello de Cerdedo-Cotobade

Cun orzamento de 63.000 euros, esta semana remataban as obras para anchear o acceso ao núcleo de Limeres na parroquia de Cerdedo. Trátase dunha pista estreita e, con estes traballos, garántese o paso simultáneo de vehículos.

O Concello de Cerdedo-Cotobade sinala que a obra evita o colapso de circulación que se producía cando coincidían dous coches nesta pista que se atopa nunha zona de desnivel.

O alcalde Jorge Cubela e a concelleira Lourdes Ovelleiro revisaron este venres as obras que se completaron coa construción de muros de contención realizados en pedra para garantir a seguridade da vía.

Ademais canalizáronse as augas para evitar escorrentías, renovouse a capa de rodadura da pista e se  retranquearon muros e peches de leiras.

Trátase dunha vía de pequenas dimensións, 210 metros de lonxitude, que permite o acceso ao núcleo de vivendas de  Limeres, onde xa se executaron recentemente obras para modernizar a contorna, segundo indicaba o alcalde durante a visita, cunha partida de 50.000 euros procedentes do Plan Marco da Xunta.