Concentracións en defensa dunha Atención Primaria de calidade

Pontevedra
26 de abril 2023

A plataforma SOS Sanidade Pública convocou diversas concentracións este mércores diante de centros de saúde. En Pontevedra a protesta desenvolvíase diante do centro de saúde Virxe Peregrina con demanda de máis persoal sanitario e denuncias do incremento das listaxes de espera

Concentración da plataforma SOS Sanidade Pública no Virxe Peregrina Mónica Patxot

A plataforma SOS Sanidade Pública organizou este mércores diversas concentracións diante dos centros de saúde como sucedeu en Pontevedra nas portas do Virxe Peregrina; en Poio ou en Sanxenxo, entre outros municipios.

Nestas protestas reivindícase a Atención Primaria de calidade e demándase apoio á iniciativa lexislativa popular para salvar e fortalecer este servizo nos centros de saúde da provincia.

Indican que desde a Xunta non se atenderon as peticións manifestadas o 12 de marzo na manifestación realizada en Santiago de Compostela en defensa da Sanidade Pública en Galicia.

Ante esta situación entenden que a administración autonómica está a defender intereses da sanidade privada e retoman as concentracións esixindo financiamento en Atención Primaria, mellor organización e xestión evitando os actuais recortes de persoal.

En municipios como Poio lembran que 1.500 pacientes seguen sen ter facultativo asignado e que o centro de Anafáns pecha durante as tardes debido á falta de persoal, con atrasos nas citas con especialistas e falta de cobertura do persoal que se atopa de vacacións, con permisos ou de baixa.

Plataforma SOS Sanidade Pública reclama un aumento no orzamento sanitario ata un 25%, incrementar o persoal e incorporar novas categorías profesionais cunha mellora das dotacións nos PAC e nos centros de saúde, entre outras medidas.

O Grove foi outro dos puntos nos que se rexistrou unha mobilización en defensa da atención primaria. No seu caso foi diante do Concello, ante o que se concentraron centos de persoas para mostrar o seu "descontento" pola atención sanitaria na vila.

No municipio, lamentaron os manifestantes, "seguimos sen pediatras" e dos catro médicos do PAC só traballan dous, un deles pendente de traslado. No centro de saúde hai sete facultativos asignados, dos que só hai catro traballando. Entre eles só dous teñen praza fixa.

As listas de espera, sosteñen, "continúan medrando" no Grove e a xente enferma é tratada maioritariamente mediante consulta telefónica por falta de persoal.

"Destruír a Atención Primaria pública é o primeiro paso para abrir as portas a privatización da saúde", denuncian, porque consideran que "ningún sistema, por forte que sexa, pode sobrevivir á falta de financiamento, á mala organización e xestión ou aos recortes de persoal".