Concentración diante do centro de saúde de Marín para reclamar atención presencial

Marín
15 de outubro 2020

Ás portas do centro de saúde de Marín, na zona do Busto de Arriba, producíase este xoves unha concentración para reclamar atención presencial e unha maior dotación de persoal nos centros asistenciais. A protesta foi convocada polo BNG, que solicita á Xunta de Galicia que active axiña unha Atención Primaria presencial

Protesta diante do Centro de Saúde de Marín

Ás portas do centro de saúde de Marín, na zona do Busto de Arriba, producíase este xoves unha concentración para reclamar atención presencial e unha maior dotación de persoal nos centros asistenciais. Máis dun cento de persoas uníanse na demanda dunha sanidade pública e de calidade.

A protesta foi convocada polo Bloque Nacionalista Galego, que solicita á Xunta de Galicia que active axiña unha Atención Primaria presencial.

Denuncia o BNG nunha nota pública que "na pandemia da COVID-19, a Xunta tomou a decisión de reducir drásticamente a asistencia presencial, o peche de consultorios, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións quirúrxicas nos hospitais. A decisión que tomou o Sergas foi apostar preferentemente pola consulta telefónica".

Esta situación trouxo consecuencias desastrosas "xa que o persoal sanitario é escaso e está traballando ao límite, coa consecuencia de listaxes de espera de semanas, mesmo para consultas telefónicas, persoas con doenzas crónicas como diabetes, hipertensión ou cardiopatías non están recibindo a atención presencial que se precisa ou as colas á intemperie que se están formando para acceder ao centro de saúde".

Por estes motivos, os nacionalistas solicitan "que se realicen de inmediato as accións precisas para activar unha atención primaria presencial e rematar coas listaxes de espera para garantir unha atención primaria digna e de calidade".

Entre outras melloras, indican desde o BNG que é preciso incrementar nos centros de saúde o número de profesionais necesarios para asegurar unha atención óptima e aumentar os orzamentos destinados á Atención Primaria por parte da Xunta ata chegar ao 25%.

A concentración deste xoves terá continuidade en dúas semanas, xa que informa o BNG que "por petición popular" organizarase unha nova concentración para o vindeiro xoves 29 de outubro.