Concentración de profesionais dos PAC no Provincial e nos centros de saúde pedindo condicións laborais dignas

Pontevedra
26 de outubro 2021

A xerencia da área sanitaria respondeu a súa solicitude dunha reunión conxunta con representantes dos nove Puntos de Atención Continuada. Recursos Humanos citounos para unha xuntanza que, probablemente, se desenvolva este xoves 28. Insisten en que se incumpren os descansos acordados de 12 horas entre quendas de traballo

Protesta de profesionais dos PAC da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, no Centro de Saúde de Lérez,
Protesta de profesionais dos PAC da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, no Centro de Saúde de Lérez, /

Por segunda semana consecutiva, profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC) concentrábanse ante a entrada do Hospital Provincial e en diferentes Centros de Saúde da área sanitaria para reclamar mellores condicións de traballo, previsión por parte da xerencia das xornadas laborais e respecto por parte da directiva da área sanitaria.

Nas últimas horas foron citados por Recursos Humanos para manter un encontro que, probablemente, teña lugar o xoves 28. Neste caso cumpriríase a condición esixida polos traballadores de que a reunión sexa conxunta cun representante de cada un dos PAC da área.

Malia todo, insisten en que deben seguir pelexando polos seus dereitos. María Torre Almón, do PAC de Caldas, afirmaba que recibiron apoio de numerosos centros de Atención Primaria de Galicia e denuncia a incompetencia por parte da xerencia do distrito de Pontevedra e aos seus máximos responsables, o xerente José Ramón Gómez, a directora asistencial Sonia Fernández Arruti e a directora de Atención Primaria, Belén Piñón.

O persoal dos PAC atópase molesto porque estes dirixentes nas súas manifestacións públicas tentan "desvalorizar" e están "a acosar" aos traballadores. Lembran ao xerente que os médicos dos PAC non traballan no "límite baixo" recollido no acordo do 2008, senón que cumpren "con fartura" as súas horas anuais. Segundo expón Irene Pardo, doutora no PAC de Bueu, todos os profesionais médicos superaron no calendario deste ano as 1.600 horas cando o máximo establecido no acordo sitúase en 1.451.

Lamentan a improvisación organizativa por parte da xerencia para cubrir as vacacións e as baixas. Ademais afirman que tras a concentración da semana anterior recibiron seis obrigatoriedades con cinco días de antelación para despois anular dúas. Esta situación consideran que se debe a esa falta de organización que implica o emprego das obrigatoriedades para coberturas de ausencias que son coñecidas con moita antelación. Piden que as extensións de xornada sexan excepcionais e non "a norma a seguir". "Se espremes ao teu traballador para que faga horas a maiores tes que darlle unha solución. Non se trata de facer horas, horas e horas", afirma José Pardavila, médico no PAC da Parda.

Tamén queren tratar coa dirección nesa reunión a falta de fidelización da xerencia cos residentes formados na área. Expoñen que a sobrecarga horaria e o abuso provoca un éxodo deste persoal recentemente formado, de maneira que en Atención Primaria só permaneceron tres dos últimos trece residentes e dous deles comunicaron na última semana o seu malestar pola situación laboral na que se atopan. Sinalan que se están incumprindo os descansos de doce horas entre quendas laborais.

Desta forma, a través destas concentracións, manteñen a demanda de que se realicen calendarios consensuados co persoal e equitativos.