Concello, Universidade e comuneiros alíanse para crear devasas vexetais nos montes de Pontevedra

Pontevedra
09 de novembro 2017

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra aliáronse para crear unha mesa de traballo para estudar as medidas máis adecuadas na loita contra o lume e a súa posta en práctica

Creación dunha devasa natural no monte veciñal Comunidad de montes de Santa Cristina de Cobres

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra aliáronse para crear unha mesa de traballo para estudar as medidas máis adecuadas na loita contra o lume e a súa posta en práctica.

Segundo informou o concelleiro Demetrio Gómez, nunha primeira reunión acordaron que entre as primeiras medidas que se deben adoptar está a redacción dun plano de devasas vexetais no termo municipal, é dicir, plantando especies de baixa combustión nas masas forestais que freen a propagación do lume no monte.

Eucaliptos e piñeiros son unhas das especies vexetais que máis rápido arden, polo que as reforestacións neste sentido son un erro. A idea é que a Escola de Enxeñeiros Forestais planifique as zonas nas que se debe proceder á plantación de especies vexetais que presenten unha maior resistencia aos incendios e poidan actuar como verdadeiras barreiras antiincendios, impedindo ou freando o avance dun incendio forestal.

Preténdese comezar a actuar no territorio municipal no ano 2018 coa xestión da biomasa (eliminación, rozas, traballos de mantemento e demais) e a plantación de masas forestais resistentes ao lume.

Para financiar esta medida o Concello reeditará nos orzamentos o proxecto Monte Vivo para destinar o diñeiro que sexa preciso para estes plans.

Un dos inconvenientes para a posta en marcha destas medidas pode ser que os terreos que a universidade sinale para a creación dunha devasa vexetal pertenzan a propietarios privados aos que o Concello non poderá obrigar a participar nesta iniciativa voluntaria.

Arquivado en