Concello e Xunta avalan a "gran calidade" da rehabilitación dos Baños do San Xusto

Cerdedo-Cotobade
08 de outubro 2020

O novo director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, visita a obra co alcalde Jorge Cubela e a arquitecta Cristina García. A actuación acométese con case 700.000 euros da Xunta a través do convenio de estrea desta entidade para recuperar espazos e paisaxes

Visita do director do Instituto do Territorio aos Baños do San Xusto Concello de Cerdedo-Cotobade

O novo director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, Francisco Barea Paz, vén de realizar a súa primeira visita institucional e escolleu as obras de rehabilitación do antigo complexo termal dos Baños do San Xusto, financiadas pola súa entidade con case 700.000 euros, na compaña do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e da arquitecta Cristina García, responsable do proxecto.

Tras realizar un completo percorrido por unha restauración que xa afronta a súa recta final, Cubela e Barea fixeron unha valoración moi positiva desta actuación de recuperación e posta en valor dun espazo de gran valor patrimonial, histórico, cultural e natural ás beiras do río Lérez e destacaron a "gran calidade" do mesmo no marco do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia.

"Non é só unha obra histórica para o noso Concello, senón que se trata dun proxecto piloto inmellorable que vai servir de exemplo e modelo para moitos máis na nosa comunidade", explicou Cubela, que destacou a "importancia estratéxica" deste convenio de estrea do instituto, dependente da Consellería de Medio Ambiente.

A actuación arrancou o pasado mes de xaneiro e entrou, xa en setembro, na súa fase final co inicio da construción das pozas públicas ao aire libre, que estarán deseñadas a partires das trazas e das bañeiras preexistentes e que serán un dos grandes atractivos desta instalación, posto que o seu uso será libre.

Polo demais, a restauración continúa a bo ritmo e atópase moi avanzada co obxectivo, reafirmado por Cubela e Barea, de tela rematada no presente exercicio para manter o cronograma de poñer o recinto en funcionamento durante a primeira metade do ano 2021 con balneario, pozas públicas, saunas e zonas de lecer e esparcemento natural.

A obra consiste na rehabilitación da antiga minicentral para a súa conversión en balneario con capacidade para vinte persoas nos baños e outras tantas nas zonas de descanso e relax, que son moi precisas pola forza das augas sulfurofluroadas que deben tomarse espaciadamente; a recuperación dos muíños e da Casa do Muiñeiro en saunas acristaladas a modo de miradoiro cara o río Lérez; a reconstrución das antigas bañeiras para o seu uso libre como pozas públicas; a restauración dos edificios anexos e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna; e unha reordenación integral con espazos de lecer naturais, fontes cubertas para beber as augas, sendas, plataformas de madeira, accesos, urbanización e acondicionamento da vexetación.