Concello e Afundación proporcionarán ata 170 menús diarios a menores de Pontevedra en situación vulnerable

Pontevedra
28 de xuño 2020

O Concello de Pontevedra agarda aprobar este luns en Xunta de Goberno Local o convenio de colaboración con Afundación para o desenvolvemento do Programa de Intervención Social posto en marcha pola institución privada co obxectivo de atender as necesidades de alimentación dos menores de idade en situacións de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza

Comedor escolar Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra agarda aprobar este luns en Xunta de Goberno Local o convenio de colaboración con Afundación para o desenvolvemento do Programa de Intervención Social posto en marcha pola institución privada co obxectivo de atender as necesidades de alimentación dos menores de idade en situacións de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza.

En base a este acordo, a Obra Social de Abanca proporcionará de xeito gratuíto ata 170 menús escolares diarios, de luns a venres, nos puntos de distribución física que ambas partes establezan.

Tal e como constata a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, o Programa de Intervención Social de Afundación pretende dar resposta "á realidade derivada da crise da Covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo, subministrando menús a este colectivo durante o período de verán".

"Agradecemos a iniciativa de Afundación para pechar este acordo de colaboración, que será tremendamente beneficioso para garantir que aos rapaces do municipio máis vulnerables non lles falte un prato de comida", subliña Castro.

O convenio terá vixencia entre o 1 de xullo e o 9 de setembro, coa posibilidade de prórroga.

Segundo establecen as súas cláusulas, aos Servizos Sociais do Concello correspóndelles facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer diariamente, así como poñer a disposición da institución os puntos de distribución física.

A Concellería de Benestar Social tamén colaborará no correcto desenvolvemento e execución do Programa, en particular coas empresas contratadas por Afundación, e encargarase de asignar un número personalizado a cada familia, de xeito que a Administración Local unicamente dará a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitíndose ningún dato de carácter persoal e garantíndose o anonimato das persoas usuarias.

Afundación porá os menús a disposición dos beneficiarios gratuitamente, conforme á información dos Servizos Sociais, nos puntos de distribución física que ambas partes concreten. Asemade, efectuará os labores de vixilancia e control dos menús escolares, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.