'Con_versas Z', a mocidade pontevedresa falando dos temas que lle preocupan, agora en Spotify e Ivoox

Pontevedra
08 de abril 2023

O falangullo, promovido desde a área de Xuventude, busca saber cal é a realidade da mocidade, partindo de tres temáticas distintas baixo os títulos ‘Activismo e asociacionismo’, ‘Cultura e creación’ e ‘Mocidade e rural’. Tres capítulos distintos nos que participaron persoas de relevancia en cada eido

Podcast 'Con_versas Z' Spotify Concello de Pontevedra

As reflexións da mocidade pontevedresa sobre a realidade que a rodea chegan desde este sábado 8 de abril ao público xeral a través das plataformas dixitais Spotify e Ivoox baixo o paraugas de 'Con_versas Z'.

Trátase dun novo falangullo promovido desde a área de Xuventude do Concello de Pontevedra, que dirixe Alberto Oubiña, que sube á rede tres faladoiros celebrados no Local do Música o pasado 31 de marzo.

De momento, están dispoñibles os tres primeiros capítulos dunha primeira tempada, baixo os títulos ‘Activismo e asociacionismo’, ‘Cultura e creación’ e ‘Mocidade e rural’.

Este podcast xa dispoñible foi gravado con público no local de música e, tal e como explican desde o Concello de Pontevedra, nel "xente moza fala dos temas que lle preocupan á xente moza".

Ademais, en cada unha das conversas, participaron persoas de relevancia en cada eido.