"Se sigue esta deriva de Núñez Feijóo, a sanidade pública vai acabar na UVI, pero nunha UVI privada". Esa foi a principal denuncia do candidato do PSdeG-PSOE, José Manuel Civeira. Tras visitar xunto a Patricia Vilán o Hospital de Montecelo e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os socialistas presentaron as súas propostas en materia sanitaria, un plantexamento "diferente" ao do Partido Popular.
"Nós cremos nunha sanidade gratuita, universal e solidaria", indicou José Manuel Civeira, quen lamentou que en Galicia, a situación da sanidade pública sexa que "as listas de espera aumentan, o persoal sanitario diminúe, os pensionistas pagan os medicamentos", ao recordar que hai ata 418 medicinas "que quedan fóra" do sistema sanitario trala última reforma aprobada polo Goberno.
Civeira anunciou que o PSdeG-PSOE pretende blindar o carácter público da sanidade cunha lei de sostenibilidade sanitaria "consensuada con todo o sector". Criticou ademais que, con respecto a Pontevedra, o PP "nin ampliou Montecelo cando había un consenso cidadá sobre o tema, nin vai construir o Hospital de Monte Carrasco", ao recordar que en abril de 2011 "tiña que estar posta a primeira pedra".
Pola súa banda, Patricia Vilán denunciou que de cara o ano 2013, o investimento en sanidade que ten previsto o Goberno de Núñez Feijóo só permitirá cubrir un 10% das prazas dos médicos que se xubilan. "O investimento en sanidade non vai dentro do seu programa de sanidade", dixo a candidata socialista. "A marea negra do PP en sanidade empezou hai tres anos e medio e hoxe vaise estendendo cara a súa privatización, o plan oculto do PP".