Compromiso en firme do Concello de Pontevedra para empezar a destapar o Gafos durante este mandato

Pontevedra
13 de setembro 2019

Iván Pontes e Tino Fernández mantiveron este venres unha reunión con representantes de Vaipolorío na que uns e outros destacan que houbo total sintonía. Ao seu termo, desvelaron que destapar o Gafos será unha das prioridades da concellería

Reunión de Iván Puentes e Tino Fernández con representantes de Vaipolorío Cristina Saiz

O concelleiro de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes, adquiriu o compromiso firme coa asociación ecoloxista Vaipolorío de que durante o actual mandato municipal finalmente empezará a materializarse o proxecto máis demandado do colectivo desde hai anos: destapar o tramo urbano do río Gafos. O plan aínda carece de prazos, pero a intención municipal é que empecen a darse os primeiros prazos no próximos catro anos. 

Iván Puentes e o portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, mantiveron este venres unha reunión con representantes de Vaipolorío na que uns e outros destacan que houbo total sintonía. Ao seu termo, desvelaron que destapar o Gafos será unha das prioridades da concellería de Medio Natural durante este mandato e que o seu obxectivo é planificalo e inicialo neste período. 

O obxectivo é avanzar na recuperación integral do río Gafos, especialmente no seu tramo urbano, e son conscientes de que, para logralo, é fundamental apostar por destapar o leito. Antes de poder poñer en marcha ese plan será necesario elaborar un informe de viabilidade do proxecto e, segundo Iván Puentes, xa están a traballar na súa contratación. 

O seguinte paso será elaborar unha memoria co prezo do proxecto e o terceiro sería xa o proxecto en si de rehabilitación do río entre a avenida de Vigo e a desembocadura na zona de As Corbaceiras. De todos os xeitos, estas dúas fases deberán esperar a que se elabore o documento de viabilidade, pois recoñecen que é posible que só resulte viable destapar unha parte do tramo urbano, a comprendida entre a avenida de Vigoy o colexio de Campolongo, pois río abaixo hai edificios e o proxecto podería complicarse. 

Iván Puentes é consciente de que este proxecto leva anos sobre a mesa e ata o de agora non se avanzou en firme para a súa consecución, pero garante que nesta ocasión hai compromiso político e, ademais, contan con fondos para empezar a poñer en marcha a iniciativa. Así, lembrou que o anterior goberno local logrou fondos europeos DUSI para actuacións en leitos fluviais e ese diñeiro poderase ir destinando á elaboración do informe de viabilidade e a memoria económica. 

A actuación é ambiciosa e asume que seguramente necesitarán colaboración económica doutras administracións, pero Iván Puentes insiste en que agora hai "unha garantía que non houbo nunca" con eses fondos europeos e coa vontade política. 

A idea do Concello é darlle coherencia ao tratamento integral do río no sentido de integrar as actuacións que xa se fixeron no pasado con este novo proxecto, un punto de partida no que ten sintonía total con Vaipolorío.

O seu presidente Gonzalo Sancho, aplaudiu o compromiso municipal e aproveitou para destacar que a recuperación que Pontevedra leva anos facendo en relación cos seus leitos fluviais é "un exemplo para toda a Península", pois demostrou que non só trata o río como un recurso hídrico, senón que o pon en valor.