Compromiso adquirido para recuperar o servizo de Pediatría en Barro

Barro
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, e o xerente da área sanitaria José Flores mantiñan un encontro este xoves para tratar a situación da poboación infantil do municipio que, desde a pandemia, debe trasladarse ao centro de saúde de Lérez en Pontevedra para ser atendida. Ambos dirixentes coincidiron na necesidade de que se recupere este servizo e agardan que nos vindeiros meses poida asignarse un pediatra ao centro sanitario de Barro

Concentración veciñal que se desenvolveu en 2020 ante o Centro de Saúde de Barro Concello de Barro / ARQUIVO

492 menores de 14 anos viven actualmente en Barro, dos que 167 son menores de seis anos. A porcentaxe de poboación infantil é moi elevado para un total de 3.700 habitantes censados no municipio. Por este motivo existe unha demanda cidadá para que se recupere a figura do pediatra no centro de saúde de Barro.

Actualmente, desde a irrupción da pandemia, os menores deste municipio ven obrigados a trasladarse ao centro de saúde de Lérez en Pontevedra para ser atendidos por un especialista en atención infantil.

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores Arias, mantiñan un encontro este xoves 21 no Hospital Provincial de Pontevedra para analizar esta cobertura sanitaria co obxectivo de reverter a situación.

"Non pode ser que se despracen a Lérez de forma consolidada", indica Abraldes atendendo a que, ademais, os menores de seis anos precisan dun control máis estrito para administración de vacinas e outras atencións necesarias durante os primeiros anos de vida.

Tras o encontro, Flores comprometeuse a que nos próximos meses se recupere o servizo de Pediatría no centro de saúde de Barro. Indicou que nestes momentos continúa en marcha o proceso de reatribución de prazas fixas desta especialidade. Unha vez finalizado, a xerencia tentará establecer a un profesional de atención infantil neste espazo sanitario atendendo á demanda do alcalde e da cidadanía. O alcalde manifestou que o goberno local vai manterse atento a esta decisión.

Fernández Abraldes tamén trasladou ao xerente a preocupación existente no municipio por Sara, unha nena de nove anos que sofre unha hipoacusia profunda e que precisa dunha cobertura asistencial de Logopedia. O tratamento desta nena suspéndese, segundo os protocolos do Sergas, aos dez anos. Unha situación que o alcalde considera "ilóxica" xa que os resultados da atención logopeda están a ser positivos. 

José Flores adquiriu o compromiso de trasladar este caso á Consellería de Sanidade para buscar solucións.

NOVO CENTRO DE SAÚDE

Tamén se tratou durante o encontro a futura construción dun novo centro de Atención Primaria en Barro, despois da sinatura do convenio en 2023.

O alcalde confirmou que os terreos que debía entregar o Concello xa foron cedidos ante notario e, por tanto, pertencen á Consellería de Sanidade para acometer o proxecto do novo edificio na parcela situada en San Antoniño.

Este centro dispoñería de catro consultas para poboación adulta, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona. 

Pasaríase dun edificio actual de 320 metros cadrados a un inmoble de 800 metros cadrados.

A Consellería ten reservados nos orzamentos unha cifra de 200.000 euros para a redacción do proxecto, segundo indicaba tamén o alcalde de Barro.