A Plataforma Vítimas Alvia 04155, integrantes do colectivo creado a través de Facebook Plataforma Victimas do tren Alvia de Santiago de Compostela e afectados polo accidente a título particular rexeitaron nos últimos días a medalla de ouro de Galicia que este ano concedeu a Xunta ás vítimas do Alvia sinistrado hai un ano en Angrois e aos veciños e todos os profesionais que colaboraron no operativo de rescate. Este xoves, no aniversario do sinistro, chegou a entrega da condecoración e eles non querían recollela, pero si estar no acto. Non puideron. Impediullo un cordón policial no que o número de axentes igualaba o de vítimas. A súa reacción natural foi a indignación, pedir explicacións de por que non podían acceder ao acto celebrado na Cidade da Cultura e rematar por berrar: "¿Cómo se puede hacer un acto para las víctimas sin las víctimas?".
O berro indignado é de Yolanda Dantas, cuxa nai faleceu nas vías de Angrois e que non está asociada a ningunha das asociacións de afectados xurdida tras o accidente. Leva molesta dúas semanas, dende o día en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a concesión da medalla. "¿Para qué quiero una medalla? Lo que quiero es a mi madre", expón cunha rabia que lle resulta difícil conter.
Unha vintena de vítimas e familiares fora chegando dende as 12.30 horas ao exterior da Cidade da Cultura, onde o acto comezaba ás 13.00 horas. Manifestaron a súa intención de entrar e, para iso, todos levaban enriba documentos que os acreditan como pasaxeiros do Alvia sinistrado ou familiares dos falecidos. Pero encontráronse, con sorpresa, que "nos dicen que hace falta invitación, pero a ninguno de los que estamos aquí recibimos ninguna invitación. Y somos víctimas. Íbamos en ese tren", explica unha das voceiras da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Teresa Gómez-Limón.
Foi a única explicación que recibiron, procedente dun axente da Policía Nacional que integraba o cordón policial co que se impediu a súa entrada, pois pediron falar con algún responsable da organización e non tiveron resposta. Mentres, os axentes foron crecendo e pasaron a igualar o seu número ao das vítimas. Completaban a escena un número reducido de xornalistas, cámaras e fotógrafos que recolleron a indignación das vítimas.
"Nos dan una medalla los mismos que nos han negado una comisión de investigación"
Jesús Domínguez, tamén voceiro da Plataforma Vítimas Alvia 04155, explicou que decidiron acudir á Cidade da Cultura para poder entrar no acto e simplemente pedir a palabra. A súa intención era explicarse, trasmitir aos presentes o por que do seu rexeitamento ás medallas e "decirle al señor Feijóo que lo que queremos es que haya verdad y Justicia" e non recibir unha medalla de "os mesmos que nos negaron unha comisión de investigación".
Querían trasmitir aos presentes no acto institucional que "es un ataque a las víctimas que nos quieran dar una medalla, que lo único que hicimos fue subirnos a un tren". Para eles, as medallas quen as merecen son os veciños de Angrois (que rexeitaron recibila coincidindo co primeiro aniversario e se lle entregará outro día) e o resto de homenaxeados.
Mentres tanto, no interior, desenvolvíase unha cerimonia allea á protesta das vítimas. Dous feridos no Alvia, ÿscar Luis Mateos e Natalia Máiz Somoza, recolleron a medalla, pero non en nome de ningún dos colectivos, e aproveitaron para dar as "gracias, muchas, muchas gracias", un agradecemento que ÿscar Mateos fixo extensivo todos os galegos "por secar nuestras lágrimas" e Natalia Máiz a "todos aquellos que participaron en el mismo tren que yo y también a los que ayudaron".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiulles que "no podemos salvar a los que nos dejaron, pero sí les debemos esa forma de inmortalidad que es la memoria" e que Galicia non esquecerá "a las víctimas que abrieron en nosotros un vacío inesperado".
"No somos héroes, no necesitamos medallas, solo cogimos un tren que no cumplía con las condiciones de seguridad"
As vítimas convocaran este xoves, ás 11.30 horas, unha concentración de protesta na praza do Obradoiro á que asistiron membros da Plataforma Vítimas Alvia 04155 e do outro colectivo de afectados, a Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago de Compostela (Apafas), así como afectados a título particular non adscritos a ningún colectivo e, en apoio, veciños de Angrois e representantes da Asociacion Víctimas Metro 3 Julio de Valencia, no que no ano 2006 houbo 43 mortos e 47 feridos. Estes dous últimos colectivos rexeitaron facer declaracións aos medios presentes na protesta porque só acudiron para acompañar os verdadeiros protagonistas do día, os prexudicados de Angrois e os seus familiares.
Laura del Moral, vogal da Plataforma Vítimas Alvia 04155, explicou que saíron ás rúas coa súa pancarta "porque los mismos políticos que nos vendieron la alta velocidad quieren ahora también aprovecharse de nuestro dolor con la entrega de estas medallas" cando, para axudalos, o que deberían facer é convocar unha comisión de investigación. "Nosotros no somos héroes, no necesitamos medallas, nosotros solo cogimos un tren que no cumplía con las condiciones de seguridad", indicou. Ao termo desta protesta, dirixíronse á Cidade da Cultura, onde se lles negou a entrada.