Como optimizar o cultivo do kiwi con intelixencia artificial

Pontevedra
05 de setembro 2024

A Estación Fitopatolóxica Areeiro participa nun proxecto para mellorar a xestión do cultivo de kiwi en Galicia 

Visita á Estación Fitopatolóxica de Areeiro Deputación de Pontevedra

A Estación Fitopatolóxica Areeiro participa no proxecto Kiwi-Sens que busca poñer en marcha un sistema integral de monitorización de cultivo mediante o uso de tecnoloxías IoT (Internet das cousas) de baixo coste e intelixencia artificial para a mellora da xestión e optimización do kiwi en Galicia. 

O proxecto, promovido xunto con Kiwi Atlántico, ten un orzamento total de preto de 140.000 euros e está financiado dentro da convocatoria de proxectos innovadores de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sostibilidade agrícola e forestal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria de 2024 e conta co apoio do Feader (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural).

Ao longo de tres anos se desenvolverá esta iniciativa que pretende modernizar os procesos de campo dunha froita estratéxica para Galicia como é o kiwi que, ademais, se cultiva en zonas rurais, que se beneficiarán tamén desta dixitalización e creación de novos coñecementos. 

O proxecto, no que colabora ademais o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), tamén pretende determinar prácticas para reducir o emprego da auga no cultivo do kiwi, así como para mellorar a predición na aparición de enfermidades no cultivo e optimizar a toma de decisións agronómicas.

Galicia e a provincia de Pontevedra son líderes nacionais en produción de kiwi, con máis de 877 hectáreas cultivadas en toda a comunidade e unha produción que supera as 16.000 toneladas anuais.

Desde as primeiras plantacións, en 1969 ata agora, o manexo do cultivo foi cambiando, xa que a superficie plantada foi en aumento e se realizaron diferentes investigacións, permitindo desta maneira coñecer mellor o kiwi e conseguir cada vez mellores resultados no seu cultivo.