Como foi a 'nova normalidade' no comercio de Pontevedra?

Pontevedra
11 de maio 2020

No primeiro día da fase 1 de desescalada, os establecementos comerciais da cidade retomaron a súa actividade coa incerteza de non saber cal ía ser a resposta dos clientes. Desde Sargadelos amosan sorpresa polo volume de vendas. Pola contra, en Ferretería Echegaray lamentan a crise que arrastra o sector

A tenda Sargadelos-Enmarcaciones Torrado no primeiro día da fase 1 Mónica Patxot

No primeiro día da fase 1 de desescalada en Pontevedra, os establecementos comerciais da cidade retomaron a súa actividade coa incerteza de non saber cal ía ser a resposta dos clientes.

Diego Torrado, á fronte da tenda Sargadelos-Enmarcaciones Torrado, resume nunha palabra a impresión desta xornada de reapertura: "sorprendido". E é que a afluencia de clientes superou as expectativas iniciais que, dado o tempo de peche, non eran optimistas. "Sobre todo, viñeron clientes a recoller pedidos" e, en xeral, o número de visitantes foi o mesmo "que calquera outro día nesta época do ano".

Entre as vendas da mañá, Diego destaca "dúas figuras da igrexa da Peregrina". Un aspecto que lle chamou a atención é a cantidade de chamadas que recibiu de clientes habituais para comprobar se estaba a tenda aberta, así que espera que isto se traduza nun maior número de visitas nos próximos días.

Tamén desde Joyamar, Javier Ezpeleta, un dos propietarios, mostra a súa sorpresa ante o número de clientes que visitou a xoiería, como "se fose un día normal". A diferenza cun luns calquera do mes de maio é que "vendemos pequenas xoias para agasallos de aniversarios que quedaran pendentes" por coincidiren cos días de corentena. Un detalle que lle pareceu curioso é "o gran número de cambios de pilas de reloxo que nos pediron".

As visitas foron moi organizadas "polo tipo de establecemento que somos, non hai grandes colas, así que puidemos atender os clientes un a un, con todas as medidas de seguridade, máscara no noso caso e con xel hidroalcólico para que poidan desinfectarse as persoas que o desexen, aínda que non é obrigatorio".

Noutros establecementos, como en Ferretería Echegaray, o día de hoxe non foi moi diferente ás xornadas anteriores, xa que se trata dun tipo de negocio cuxa actividade si estaba autorizada desde a declaración do estado de alarma. O cambio máis significativo deste luns foi a ampliación do horario, que pasou a ser de só mañá a mañá e tarde.

Polo demais, non variou a afluencia de clientes con respecto aos últimos días nos que o sector da ferraxería está a sufrir unha crise profunda: "a día de hoxe os profesionais non se están movendo, porque non poden ir ás casas para traballar, salvo unha urxencia, polo que non se están facendo arranxos, non se está pintando, non cambian billas...", coméntanoso xefe de compras, José Vicente Martín.

A única anécdota do día é que un cliente de sempre comentaba ao dependente que levaba 40 días sen saír da casa e esta era a súa primeira compra.

De momento, manteñen só aberta a tenda da rúa Echegaray posto que a situada en Eduardo Pondal, ao superar en superficie os 400 metros cadrados, non está autorizada a abrir.