Como é o detido polo crime de Ponte Sampaio?

Pontevedra
27 de outubro 2015

José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', foi denunciado e detido no ano 2010 pola súa actitude cara a súa ex noiva e nai da súa filla, que asegurou que el non aceptaba a ruptura e presionábaa de forma psicolóxica para retomar a relación, chegando a ameazala con que mataría a nena para logo suicidarse. Nunca foi condenado por estes feitos

José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', logo da súa detención
José Antonio Lusquiños Bustelo, coñecido como 'Coco', logo da súa detención

Unha das hipóteses que manexan os investigadores do crime machista de Ponte Sampaio é que o detido, José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', non aceptaba que a súa ex noiva terminase a relación que mantiveran durante uns meses e acabou sacándolle a vida apuñalándoa varias veces cunha navalla, extremos que el mesmo confesou. O desenlace non puido ser máis tráxico, pero o que transcendeu agora é que xa non é a primeira vez que o mozo, de 34 anos e veciño de Soutomaior, reacciona con tanta agresividade ante a ruptura dunha relacion.

PontevedraViva adiantara que unha das súas anteriores parellas denunciouno no pasado por malos tratos e este martes puido saber que ese episodio que acabou ante a Garda Civil tamén se produciu cando acabou o noivado cunha muller coa que, a diferenza de Conchi Reguera Peón, estivo un longo período e chegou a ter unha filla en común. 

O agora detido non chegou a ser condenado por ningún xulgado por estes feitos, pero si foi denunciado no ano 2010. A súa ex noiva e nai da súa filla relatou entón que el tentaba presionala de forma psicolóxica para que volvese saír con ela e, ante a súa negativa, chegou a ameazala con que acabaría coa vida da súa filla, que entón tiña moi curta idade, e logo se autoeliminaría. 

José Antonio Lusquiños tivo por aquel entón comportamentos que cinco anos máis tarde repetiría con ConchiReguera Peón, coa que mantivo unha relación informal entre a primavera deste ano 2015 e o mes de agosto. Desde que deixaron de verse, el enviáballe numerosas mensaxes de whatsapp para tentar presionala e os seus achegados mesmo poñen o foco de atención en dous estraños acontecementos recentes, pois cren que puido ter algo que ver co incendio que o 16 de outubro calcinou o quiosco da praia e lembran con reservas outro incidente de finais de agosto: el precipitouse por un desnivel en Acevedo co coche dela, un Peugeot 206 que non puido volver utilizar e por iso este venres, cando faleceu, ía no da súa familia, o 205 co que presuntanente fuxiu 'Coco' do lugar do crime e que tivo que deixar tirado no lugar de Vilar ao quedarlle atascado nun camiño estreito e empedrado.

Do mesmo xeito que ocorreu con Conchi, coa súa ex parella de 2010 tamén utilizou o teléfono móbil como método de presión, enviándolle mensaxes de texto SMS con contido presuntamente ameazante.

Por aquela denuncia 'Coco' foi detido, pero non foi preciso adoptar ningunha medida cautelar de protección. Antes dese ano 2010 non figuraba ningún rexistro nos seus antecedentes policiais nin consta que tivese ningún posterior. 

Estes datos figuran xa no sumario do caso que mantén aberto o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra polo crime de Ponte Sampaio, polo que 'Coco' foi enviado ao centro penal da Lama. Outra información que figura é o resultado dun exame médico que lle realizaron o propio sábado 24, tras a súa detención pola Garda Civil en Soutomaior. El mesmo pediu que o vise un médico e algunhas fontes apuntan a que se lle realizou un exame psiquiátrico, pero non trascendeu nada respecto diso.