Comisións Obreiras sairá de novo ás rúas pola defensa do emprego en ENCE diga o que diga a Audiencia

Pontevedra
23 de xuño 2021

Os traballadores piden o apoio da cidadanía de Pontevedra e o resto de Galicia na manifestación prevista para o 16 de xullo ás 20 horas desde a rúa Alexandre Bóveda ata a Praza de España

Comisións Obreiras retoma movilizacións en defensa do emprego en Ence Mónica Patxot

A sección de Comisións Obreiras do comité de empresa de Ence chama a volver tomar as rúas para defender os postos de traballo da fábrica de Lourizán. A Audiencia Nacional fará público nos próximos días a súa decisión sobre a legalidade da prórroga da concesión da pasteira ata 2073 na ría de Pontevedra, algo que no sindicato están convencidos de que será favorable aos intereses dos traballadores.

Con todo, e en referencia ás declaracións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lorez, polas que anunciou que o Concello recorrerá a decisión se os xuíces ratifican a concesión ata 2073, a presidenta do comité de oficinas de Ence en Pontevedra, Ana Cedeira, anuncia a convocatoria dunha manifestación o 16 de xullo ás 20 horas. 

"A marcha partirá desde a rúa Alexandre Bóveda para seguir por José Malvar, Loureiro Crespo e finalizar na Praza de España. Solicitamos o apoio e colaboración de toda a cidadanía de Pontevedra e Galicia porque as consecuencias do peche de Ence van máis aló da perda dos postos de traballo, polas repercusións que tería na economía da comarca a desaparición da masa salarial dos traballadores de Ence e as empresas auxiliares", argumenta Cedeira.

Pola súa banda, o secretario de organización comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, considera que os xuíces que decidirán a legalidade ou non da prórroga da concesión están condicionados.

"Fóronse dando moitos pasos previos para tratar de condicionar a sentenza que ten que ser dictada pola Audiencia Nacional", asegura o sindicalista facendo alusión a episodios como o achandamento do Goberno nesta causa, a mesa de diálogo polo futuro de Ence que cualifica de "paripé e propaganda para trasladar a mensaxe de que non pasaría nada se o fallo da Audiencia era favorable ás pretensións do Goberno e o alcalde".

Nega tamén Pedrosa que o traslado de Ence poida efectuarse cos fondos europeos para a recuperación da crise da covid-19. "Non houbo ningunha proposta de ningunha institución para utilizar neste sentido os fondos Next Generation. Non hai nada máis que propaganda miserable", critica o dirixente, convencido de que  "non hai lugar en Galicia para instalar Ence en calquera outro sitio de Galicia".

Por iso, desde Comisións Obreiras remarcan a súa intención de "seguir denfendedo con uñas e dentes os postos de traballo. Imos facer mobilizacións porque son xustas e é o que hai que facer", sostén o secretario comarcal, que critica que outros sindicatos "fan paripés e van da man do Concello".

Doutra banda, a presidenta do comité de oficinas, Ana Cedeira, aproveitou a comparecencia para desvelar que o xulgado citou a declarar o día 13 de setembro a 13 persoas que participaron na protesta pola continuidade de Ence no interior do Concello de Pontevedra.

A estas persoas impútaselles un delito de allanamento e, deles, seis forman parte de Comisións Obreiras mentres que os sete restantes son traballadores da fábrica alleos a calquera tipo de organización. "Non son terroristas, son persoas que defenden dignamente os seus postos de traballo", alega a portavoz dos traballadores.