Os delegados sindicais de Comisións Obreiras (CC.OO.) protagonizaron este martes unha concentración nas escaleiras da Deputación de Pontevedra para protestar contra a proposta de transferencia de distintos centros de traballo da administración provincial á Xunta de Galicia.
O secretario comarcal de CC.OO., José Ramón Piñeiro, explicou que o seu obxectivo é que se manteña a situación actual e que a Cidade Infantil Príncipe Felipe, o Museo de Pontevedra, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, o centro de Mouriscade, a Escola de Enfermería e a de Cantería. "Nós dicimos que teñen que ser servizos que sigan dependendo da Deputación", afirmou.
Piñeiro demandou "que se renegocien os convenios de colaboración establecidos con outras administracións" que entenden que son susceptibles de ser mellorados. Ao seu xuízo isto redundaría positivamente na prestación dos servizos.
Estes sindicalistas tamén reclamaron á Deputación que invista nestes centros, tanto en infraestruturas como en dotación de medios. E que se cumpra co compromiso de actualizar o catálogo de postos de traballo e retribucións.
Finalmente o secretario comarcal de Comisións Obreiras reclama transparencia ao goberno provincial para que informe da situación aos sindicatos e pide "que non se utilice aos traballadores con finalidade política".