O sindicato Comisións Obreiras esixe ao Concello de Pontevedra que cumpra coas sentenzas firmes que afectan a retribucións da Policía Local.
O delegado sindical de CCOO no Concello de Pontevedra, Antonio Millares, demandou ao goberno local "que cese na súa persecución contra os traballadores" e que acate as sentenzas favorables aos dereitos laborais e "estenda os seus efectos ao resto de persoal en similares circunstancias sen que sexa preciso novos procedementos".
Desde Comisións Obreiras critican á tenente de alcalde, Eva Vilaverde por informar das sentenzas relacionadas co RPT (Relación de Postos de Traballo) unicamente cando estas son favorables aos intereses do goberno local, mentres que "esquece" dar conta de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "aínda se ten que pronunciar sobre a legalidade da súa aprobación que afecta a máis de 100 policías e bombeiros".
Engade Antonio Millares que o Concello de Pontevedra "acaba de perder unha sentenza no TSXG que falla a favor do abono a varios Policías Locais dun complemento por xubilación anticipada". Neste caso, segundo apunta este delegado sindical, o fallo do alto tribunal galego foi recorrido polo goberno local ante o Tribunal Supremo, "neste caso a doutrina de Galicia non lle vale, buscan a de España a ver se lle é máis favorable e dese xeito prexudicamos aos traballadores e como son policías mellor", afirma Millares.