Comisións Obreiras propón ás administracións públicas, unha "aposta decidida" polas plantas de biomasa como unha das medidas para acabar cos incendios forestais, transformando a materia vexetal procedente da roza de maleza en enerxía.
"Para poder facer estes traballos é necesario ter persoal con vínculo permanente", engade o secretario comarcal de Comisións Obreiras en Pontevedra, José Ramón Piñeiro, no convencemento de que "esta proposta de actuación serviría para salvar vidas e evitaría a perda de cantidade de riqueza forestal ".
Este sindicato apunta que para levar a cabo con éxito a súa idea é necesaria a coordinación dos gobernos central, autonómico e provincial. O proxecto requiriría "contratar un número de persoas equivalentes a seis veces as que se contratan para apagar os lumes no verán". Segundo Piñeiro, o seu traballo consistiría en replantar, rozar e limpar maleza que trasladaría ás plantas de biomasa.
"O que temos agora non serve", conclúe o secretario comarcal de Comisións Obreiras, "e por esa razón propoñemos traballar todo o ano para que non estea en perigo a nosa riqueza forestal".
Engade José Ramón Piñeiro que a "gran vantaxe" desta proposta é que se crearía postos de traballo "estables e con dereitos" que ademais "se pagan sós co aforro que se produce".
A proposta de CC.OO. "tense que complementar implicando e responsabilizando aos propietarios das parcelas e ás comunidades de montes" garantindo a repoboación e a súa limpeza.
Para iso, di este sindicato, ditaranse normas de obrigado cumprimento para que nun radio de 25 metros das casas estean limpas de maleza por conta dos propietarios das leiras, e se estes non o fan, acometerao o persoal contratado polo concello, pasándoselle daquela o cobro unha vez feita a roza. Ás comunidades de montes cobraráselles unha cantidade que estará en función da extensión territorial das mesmas o mesmo ocorrerá coas parcelas particulares. Se a roza se leva a cabo nos períodos estipulados e levan os restos á planta de biomasa máis próxima non terían que pagar nada por iso, abonándoselles unha cantidade por tonelada ou parte proporcional, correndo o gasto do transporte por conta da administración.