Comisións Obreiras acusa o Goberno de facer trampa cos datos do paro mentres que UGT e CIG non ven brotes verdes

Pontevedra
03 de setembro 2013

Os sindicatos móstranse moi cautelosos ante a baixada do paro rexistrado durante o mes de agosto. Consideran que os datos están relacionados coa marcha dos mozos fóra de España e co aumento de persoas que decidiron non se apuntar nas listas do paro

Os tres sindicatos maioritarios, CC.OO, UGT e CIG, mostran as súas reservas ante os datos do paro do mes de agosto que ofrece un número de 1.128 parados menos na provincia de Pontevedra.

O máis contundente era José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de Comisións Obreiras, que lanzaba unha acusación cara ao goberno central: "As previsións tan optimistas do Goberno non se corresponden coa realidade. A nós nos parece que están facendo directamente trampa con estos datos. O dato obxectivo é se hai máis traballadores dados de alta na Seguridade Social ou non e ao non haber estamos falando de outra trampa máis do goberno".

O secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, sinalaba a preocupación que existe ante a temporalidade dos contratos creados durante este mes. Sinala que só o 6% dos contratos son indefinidos. Vidal indica que "a estabilización do paro non é un éxito". "A nivel interanual temos un incremento de 77 persoas empregadas e non son datos para botar cohetes en absoluto", apuntou o dirixente de UGT que lamenta a precariedade que está a provocar a caída do consumo.

Marcos Conde, secretario comarcal de CIG, indicou que " os datos remontaron en construción debido ao bo tempo". Dende o sindicato nacionalista botan en falta unha campaña para crear emprego nos sectores produtivos. "Dende a Xunta non hai apoio aos sectores produtivos, nin ao mar nin ao naval..." sinalou Conde que se mostra preocupado pola diminución da taxa de poboación activa.

Arquivado en