Comisan 21 quilos de centola, 9 de choco e 3 de bogavante no porto de Aguete

Marín
08 de marzo 2023

Os axentes tramitaron denuncias por diferentes infraccións da Lei de Pesca de Galicia, como a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado ou o transporte da mercadoría sen documentos que avalen a súa trazabilidade e nun vehículo non autorizado

Comiso de produtos pesqueiros no porto de Aguete Xunta de Galicia

Axentes da Policía Autonómica da xefatura da Pontevedra, en colaboración co servizo de Gardacostas de Galicia, comisaron 21 quilos de centola, 9 quilos de choco e 3 quilos de bogavante no porto de Aguete de Marín.

Segundo informaron fontes oficiais, os axentes detectaron o pasado venres, 3 de marzo, unha persoa que descargaba produtos pesqueiros dunha embarcación e os introducía no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos con centolas, chocos e bogavante e procederon ao seu comiso tras comprobar que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte da mercadoría.

A Policía Autonómica levantou acta de denuncia pola presunta comisión de diferentes infraccións á Lei de pesca de Galicia, como a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado ou o transporte da mercadoría sen documentos que avalen a súa trazabilidade e nun vehículo non autorizado.

Do marisco comisado, as centolas e bogavantes, ao estar vivos, foron devoltos ao mar, mentres que os chocos foron entregados ao Banco de Alimentos de Pontevedra.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.