Comisados máis de 76 quilos de polbo en Bueu

Bueu
03 de abril 2025
Actualizado: 18:02

É o resultado dun operativo contra o furtivismo que se saldou coa tramitación dunha acta de sanción por infrinxir a Lei de Pesca de Galicia

Polbo incautado a furtivos en Bueu
Polbo incautado a furtivos en Bueu

Axentes da Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA) de Galicia da xefatura provincial de Pontevedra e o servizo de Gardacostas comisaron 76,55 quilos de polbo no porto de Bueu.

Os axentes detectaron unha embarcación que arribaba ao porto de Bueu, descargando produtos pesqueiros directamente a un vehículo particular sen utilizar as infraestruturas autorizadas.

Ao inspeccionar o vehículo, localizaron tres capachos de polbo no interior do maleteiro.

Como resultado, tramitouse acta de sanción por infracción á Lei de Pesca de Galicia, en concreto, por realizar a descarga nun lugar non autorizado, por incumprir os protocolos establecidos e por carecer de documentación que ampare a legalidade e orixe do produto.

O polbo comisado foille entregado a un centro benéfico local.

O operativo enmárcase no reforzo realizado pola UPA en colaboración coa Consellería do Mar no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados por esta actividade ilegal.

O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias.