Comidas e ceas de empresa no obxectivo de Tráfico que pon en marcha unha campaña extraordinaria de control

Pontevedra
16 de decembro 2024

No que vai de ano fixéronse 4.112 narcotests e 173.620 de alcohol na provincia. Os positivos en droga danse principalmente entre homes de entre 35 e 44 anos e en alcohol entre homes entre 45 e 54 anos

Control da Garda Civil de Tráfico Mónica Patxot

A Garda Civil de Tráfico puxo en marcha este luns a campaña de Nadal para controlar o consumo de alcohol e drogas ao volante.

A un destes controis montado na estrada N-550, acudiron o subdelegado do Goberno, Abel Losada, a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Piteira que fixeron unha chamada á responsabilidade para evitar que durante estas datas festivas se engrosen as estatísticas de sinistralidade.

Nesta campaña colaborarán as policías locais de Cuntis, Marín, e Sanxenxo, entre outras localidades.

Estas son semanas con moitas comidas e ceas de empresas e amizades, polo que Tráfico intensificará a presencia con centos de controis preventivos en toda a provincia para incentivar a condución responsable e sen abuso de substancias.

No que vai de ano xa se realizaron 4.112 tests de drogas e outros 173.620 de alcohol. No primeiro caso deron positivo 2.101 persoas (o 51%) e no segundo os positivos foron 4.383 (un 2,5%).

Os homes copan máis do 80% das infraccións tanto en drogas como en alcohol.

Mentres nos positivos por drogas a franxa de idade máis común está entre os 35 e os 44 anos, nos positivos por alcohol sobe ata o rango que vai entre os 45 e os 54 anos.

O alcohol está detrás dun terzo dos accidentes mortais ao volante. Consumir alcohol multiplica as posibilidades de sufrir un sinistro de xeito exponencial.

Abel Losada recalcou que "a única taxa segura é o 0,0%, porque quen bebe non só se pon en risco a si mesmo, senón aos demais".

O subdelegado apelou á "tolerancia cero con quen conduce ebrio nunha noite de copas, pero tamén cos que beben alcohol nunha comida de empresa ou coas amizades e logo collen o coche; todos e todas son igualmente irresponsables; non hai escusas".

Na mesma campaña realizada entre o 11 e o 17 de decembro do ano pasado en Galicia, controláronse 28.799 condutores e resultaron sancionados 597, dos cales 373 foron positivos por consumo de alcohol e 224, en drogas. Por provincias onde máis positivos se detectaron foi na Coruña, con 235 positivos, seguido de Lugo, con 164, Pontevedra con 113 e Ourense con 85.

En canto ás cifras de mortalidade viaria no que vai de ano son 31 as persoas falecidas (21 en estradas interurbanas e outras 10 en vías urbanas). O número de vítimas mortais está, agora mesmo, en cifras semellantes ás dos últimos anos.

Por titularidade das estradas, as autonómicas seguen a ser as máis perigosas, dado que acumularon 414 accidentes con feridos e 13 falecidos, moi por enriba das estradas nacionais nas que houbo ata o día de hoxe 320 accidentes e 5 vítimas mortais. Nas provinciais van acumulados 108 sinistros e unha persoa falecida.