Comezan os trámites para dotar dunha residencia a Amencer e un centro de día a Amizade

Pontevedra
19 de novembro 2019

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o inicio do proceso administrativo para a reforma do Centro Sur, onde actualmente conviven asociacións e entidades de distintos eidos, e no que tamén terán sede Amencer e Amizade

Residencia propiedade municipal en terreos da ONCE PontevedraViva

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o inicio do proceso administrativo para a reforma do Centro Sur, onde actualmente conviven asociacións e entidades de distintos eidos, e no que tamén terán sede Amencer e Amizade.

A portavoz do Goberno e responsable da xestión dos Fondos Europeos, Anabel Gulías, informou de que se trata dun proxecto ambicioso e integral, tamén nos espazos agora ocupados por entidades.

A parte principal será o acondicionamento dun espazo para Amencer que o empregará como residencia, e doutro para Amizade que creará un centro de día e de orientación laboral.

Coa aprobación pola Xunta de Goberno inícianse os trámites de concesión demanial a todas as entidades. Neste proceso determinaranse o número de anos de concesión e tamén se sacará a contratación o proxecto de remodelación para as plantas de Amencer e Amizade-Cogami.

O importe total do investimento é de 1.547.904 euros.

Trátase dun proxecto que estará financiado nunha porcentaxe polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Sostible e Integral (EDUSI) "Máis modelo, Pontevedra".