Comezan os traballos de campo no xacemento da Illa de San Sadurniño, en Cambados

O Salnés
15 de maio 2023

Os traballos están enmarcados no convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia

Illa de San Sadurniño, en Cambados Deputación de Pontevedra

Novo paso no convenio entre a Deputación e o Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigaciónss Científicas (CSIC) para difundir, protexer e fomentar o valor dos bens de patrimonio cultural da provincia. 

Tras rematar a primeira acción contemplada no acordo, cunha serie de charlas e conferencias en centros de ensino público, estes días veñen de comezar os traballos de campo para intervir en tres dos oito xacementos incluídos no convenio, concretamente nos Chozos do Alén (Fornelos), a Illa de San Sadurniño (Cambados) e as Torres de Oeste (Catoira).

No caso da Illa de San Sadurniño os traballos comezaron esta pasada semana e consisten en mapear parte das estruturas soterradas e datar a secuencia de ocupación da illa, o que implica estudar a totalidade do illote na busca de restos de elementos relacionados coa torre e un modelado 3D. 

En concreto, realizarase un levantamento topográfico de precisión con fotogrametría aérea con dron, prospección con detección remota, prospección xeofísica con gradiómetro, unha datación radiocarbónica de elementos recuperados en intervencións anteriores para afinar a cronoloxía do xacemento e obter máis información sobre a súa ocupación, e unha avaliación da potencialidade dos rexistros paleoambientais para estudar a liña de costa e o seu retroceso progresivo.

O coñecemento da historia da illa, e as resultas das sondaxes arqueolóxicas levadas a cabo recentemente, indican a presenza de estruturas correspondentes a varios momentos (a cronoloxía completa non está clara). A dúbida é a existencia dunha ocupación previa ao século XV, momento no que existe constancia documental do complexo e a torre cuxos restos son hoxe visibles.

No marco do convenio entre a Deputación e o INCIPIT-CSIC, entre 2023 e 2024 tamén se intervirá nos xacementos de Castrolandín (Cuntis), Garellas (Forcarei), Castro Alobre (Vilagarcía), Cano dos Mouros (Oia) e nos petróglifos de Gargamala (Mondariz). 

Todos eles foron escollidos entre as propostas que presentaron os propios concellos nunha convocatoria aberta e con concorrencia competitiva. Ademais tamén se estudarán materiais de intervencións recentes ou conservados en museos e restauraranse materiais das intervencións no Castro de Bendoiro (Lalín), co fin de organizar unha exposición no Pazo de Liñares para dar a coñecer pezas representativas dos asentamentos humanos fai dous milenios na comarca de Deza.