Comezan en PonteSán as actividades para a mellora da saúde mental

Pontevedra
20 de maio 2022

A terceira edición deste evento comezaba este venres coa presenza do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde Tino Fernández, ademais da deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros. Preto de medio centenar de entidades realizan exposicións nesta cita que conta con obradoiros, relatorios e propostas deportivas

Tino Fernández e Miguel Anxo Fernández Lores na III Feira da Saúde e o Benestar PonteSán Concello de Pontevedra

PonteSán pon en marcha as súas actividades presumindo de ser o maior evento socio sanitario de Galicia. Esta terceira edición conta con corenta entidades que na Praza de España mostran as propostas destinadas a mellorar as nosas condicións de saúde e, en particular, a saúde mental, temática á que se dedica esta cita durante este 2022.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Tino Fernández, tenente de alcalde; Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social, e a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros percorreron os postos dos diversos colectivos e participaron no acto inaugural desta Feira da Saúde e o Benestar, que organiza a concellería de Deportes e Saúde. Tamén se sumaron outros concelleiros como Iván Pontes, Yoya Blanco, Guillermo Juncal e Silvia Junco. Durante a súa intervención, o concelleiro de Deportes e Saúde incidiu en que Pontevedra quere ser un referente neste tipo de eventos para reforzar a saúde da poboación.

A carpa permanecerá instalada ata o domingo 22 e nela, durante esta primeira xornada, estableceuse un punto de asesoramento e de información sobre saúde mental coa psicóloga sanitaria Marta Boquete, da asociación Alba. Ao longo destes días tamén se desenvolven charlas e relatorios participativas destinadas a mellorar unha xestión emocional. 

Tamén se ofrecen, entre outras actividades, exhibicións de petanca, fútbol a pé, waterpolo na rúa, un taller de cociña saudable adaptada á enfermidade renal; outro de exercicios hipopresivos e un terceiro sobre a drenaxe  linfática. Ao longo desta xornada tamén se tratará o suicidio nun relatorio de José Luis Buceta, enfermeiro especialista do Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés; unha mesa redonda sobre a importancia do deporte na saúde física e mental; ademais dunha conferencia sobre #o #estrés e as emocións desde a saúde mental a cargo do doutor Javier Vicente, médico psiquiatra.