Comezan en Ponte Caldelas as obras da ultima fase da reforma da estrada PO-234

Ponte Caldelas
18 de setembro 2024

Trátase dun tramo de 1,5 quilómetros entre Laxoso e o cruce do Portasouto. "É unha obra amplamente demandada polo Concello de Ponte Caldelas e a veciñanza", destacou a conselleira Martínez Allegue

Comezan en Ponte Caldelas as obras que completarán a mellora da estrada PO-234 Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras da terceira e última fase da mellora da estrada autonómica PO-234, que une os concellos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, nas que inviste un millón de euros. 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiu este mércores ao inicio dos traballos neste treito, que discorre integramente polo concello de Ponte Caldelas.

Trátase dun tramo de 1,5 quilómetros entre Laxoso e o cruce do Portasouto e, como destacou Martínez Allegue, os traballos de mellora da PO-234 responden á aposta da Xunta por unhas infraestruturas "seguras, cómodas e sostibles". "É unha obra amplamente demandada polo Concello de Ponte Caldelas e a veciñanza", engadiu.

Con este tramo complétase a reforma desta estrada, que ten máis de 6 km, baixo os criterios de "seguridade e funcionalidade".

Hai que lembrar que a mellora integral desta vía dividírase en tres fases e as dúas primeiras, xa executadas, supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 millóns de euros.

Son os tramos mellorados entre o cruce do Portasouto e Aguasantas (en Cerdedo-Cotobade) e o que une Ponte Caldelas e Laxoso (Cerdedo-Cotobade).

A intervención do último tramo que vén de iniciarse inclúe a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica, "e permitirá mellorar, ao igual que nos treitos anteriores, a comodidade e seguridade dos usuarios na circulación nesta estrada", engadiu Martínez Allegue. 

A intensidade media de tráfico no viario foi no 2023 de 751 vehículos ao día.

A actuación inclúe a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, con 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria. Ademais, intervirase nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Os traballos completaranse coa sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.

A previsión, segundo indicou a conselleira, é ter finalizadas as obras a mediados do vindeiro 2025. 

Martínez Allegue indicou que a Xunta traballa tamén na redacción dun proxecto para abordar o reforzo de firmes de varias estradas autonómicas e que incluirá a PO-532 que conecta Pontevedra con Ponte Caldelas. 

"Por parte da Xunta, seguiremos investindo o que sexa necesario para garantir a seguridade das estradas de titularidade autonómica", afirmou. "Obras que seguiremos facendo, pero pedimos esa necesaria esa mesma actuación de conservación nas estradas nacionais en Galicia, que deixan moito que desexar. Non me cansarei de reiterar esa esixencia de mantemento", engadiu.